A Asociación de Mulleres Separadas e Divorciadas do País Valencià fíxose eco do caso dunha nai que se enfronta no Xulgado de Cambados á perda da patria potestade dos seus fillos de sete e dez anos despois de que o xuíz xa lle dese a custodia ao pai tras varias denuncias contra ela por incumprir as visitas e por unha suposta síndrome de alienación parental (SAP).
Esta semana volveu celebrarse unha vista no Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Cambados na que esta nai asegura que viviu "un auténtico pesadelo" e esta asociación de Valencia faise eco do sucedido e denuncia "xustiza patriarcal" e "violencia institucional".
A nai, R.A.I., explica que o mércores, no xulgado, sufriu un ataque de ansiedade polo que máis tarde tivo que acudir a urxencias. "Sentinme maltratada", insiste.
Pediu unha aclaración da sentenza para saber como debían ser esas visitas, pero o mesmo día que lle chegou esa aclaración xa lle chegou a primeira denuncia por incumprimento. A partir de aí, empezou un ano de trámites e recursos e chegou a acumular máis de 20 denuncias por desobediencia por non entregar aos nenos nese período no que ela esperaba a aclaración da sentenza. E en outubro a Audiencia Provincial de Pontevedra deulle a custodia ao pai. En xaneiro, a Policía Autonómica acudiu a Ferrol, onde ela se mudara cos nenos, e levou aos menores do colexio para entregalos ao pai, que reside na zona do Salnés. A partir de aí, ela estivo un mes sen poder nin velos nin comunicarse con eles. (A nai describe todo este proceso nesta noticia)
Esta asociación de Valencia explica que o xuízo do mércores foi para a retirada temporal da patria potestade e a suspensión do réxime de visitas e que é "o último capítulo, por agora, dun longo proceso de violencia institucional do que son vítimas a nai e as súas criaturas".
Esta entidade cita un informe do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) de setembro de 2022 "baseado nos postulados da falsa síndrome de alienación parental" (SAP), concluíndo que "para o caso de que a proxenitora seguise obstaculizando a relación paterno-filial, poderíase recomendar un cambio de custodia".
Esta recomendación foi seguida polo Xulgado de Cambados e ratificada pola Audiencia e, para esta asociación, o ocorrido en xaneiro coa Policía Autonómica causou "sorpresa e estupor das criaturas" e "angustia e impotencia da nai".
"Desgraciadamente, este rumbo patriarcal e misógino da xustiza está moi arraigado no noso sistema xudicial e casos como este veñen repetindo ao longo e ancho de todo o territorio do estado español", sinala a asociación.