Unha aseguradora reclama ao Concello 7 millóns de euros por "neglixencia" dos bombeiros no incendio de Pontesa

Pontevedra
16 de novembro 2023

O incendio da antiga nave de Pontesa, que arrasou estas instalacións hai xusto un ano, segue deparando sorpresas. A última vén da man da aseguradora da compañía Galigrain, a filial do Grupo Nogar que almacenaba o gran que había no seu interior

Intervención dos bombeiros de Pontevedra na retirada do material da nave de Pontesa Bombeiros de Pontevedra

O incendio da antiga nave de Pontesa, que arrasou estas instalacións hai xusto un ano, segue deparando sorpresas. A última vén da man da aseguradora da compañía Galigrain, a filial do Grupo Nogar que almacenaba o gran que había no seu interior.

Generali Seguros presentou unha reclamación contra o Concello de Pontevedra. Esixe unha indemnización de 7 millóns de euros polos danos e prexuízos que, segundo sosteñen, provocou a "neglixente" actuación do servizo municipal de extinción de incendios.

Este diñeiro foi o que a aseguradora abonou a Galigrain polas perdas que provocou o incendio, especialmente pola "perda total" das máis de 42.000 toneladas de gran para fins alimentarios que a empresa almacenaba no interior da nave calcinada.

Agora, Generali Seguros reclama que a administración municipal lles compense pola indemnización que tiveron que pagar ao seu cliente, ao entender que os bombeiros non fixeron ben o seu traballo e, pola súa actuación, xeráronse perdas millonarias.

A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, asegurou que ao goberno municipal resúltalles "sorprendente" esta reclamación, xa que lembrou que a nave non tiña licenza e a actividade que se realizaba no seu interior tampouco tiña autorización administrativa.

Vilaverde, que defendeu o "exquisito" traballo dos bombeiros de Pontevedra e, en xeral, de todas as persoas que participaron neste dispositivo, que foi "especialmente dificultoso" e xerou un custo "enorme", ao despregarse durante 21 días.

Así, Galigrain tivo que abonar uns 110.000 euros polos gastos que xerou o incendio, correspondentes ás taxas polas intervencións do servizo municipal de emerxencias.

"É incrible que se lle intente reclamar a todos os veciños de Pontevedra os custos por un incendio que non tiña que ser sucedido", sentenciou a edil, que insistiu en que a nave non contaba coas condicións de seguridade requiridas pola súa actividade.

Afirmar que os bombeiros actuaron de maneira neglixente "é moi grave", engadiu Eva Vilaverde, especialmente polas consecuencias que este incendio tivo en toda a zona, especialmente en Ponte Sampaio e Arcade, "máis aló do fatídico día".

De non atenderse o seu requirimento, algo que o Concello avanza que non fará, a aseguradora avanza que estudará adoptar medidas legais para reclamar ese diñeiro por vía xudicial.