Unha arqueóloga supervisa a roza e conservación da Área Arqueolóxica de Tourón

Ponte Caldelas
12 de agosto 2021

Durante toda esta semana lévase a cabo a roza con tractores e medios manuais de 15.000 metros cadrados de espazo arqueolóxico, segundo indican desde o goberno local de Ponte Caldelas

Traballos de roza na Área Arqueolóxica de Tourón Concello de Ponte Caldelas

Ao longo desta semana de agosto realízanse rozas na área Arqueolóxica de Tourón. En 2020, segundo indica o Concello de Ponte Caldelas, estes traballos por parte do Concello non se puideron executar, segundo o goberno local, debido ás esixencias establecidas por Patrimonio da Xunta de Galicia, que non se requiriron con anterioridade ao reclamar un proxecto. Unha vez enviado, sempre segundo as mesmas fontes, a Xunta tardou máis de nove meses en emitir a resposta na que esixían a presenza dun profesional en arqueoloxía.

Nesta ocasión, unha arqueóloga supervisa os traballos desde o 9 de agosto. Realízanse a través de medios manuais nas zonas próximas ás estacións de petróglifos e mecánicos no resto da zona de actuación dentro duns 15.000 metros cadrados que ocupa este espazo arqueolóxico.

Segundo lembra Andrés Díaz, cando chegou á alcaldía en 2015, esta zona patrimonial atopábase en estado de abandono con toxos de gran tamaño. Desde entón todos os anos, menos no 2020, realízanse labores de limpeza, roza e conservación.

Está previsto que estes traballos de roza finalicen nos próximos días e despois se acometerán actuacións de reparación do patrimonio.

Arquivado en