Unha App permite consultar en tempo real a ocupación dos aparcadoiros públicos de Marín

Marín
26 de abril 2024

A App Smart Mobility Marín pode descargarse nos móbiles e é un dos piares do proxecto Smart City, que se financiou a través de Marín Dusi, e que permite a través da tecnoloxía obter datos de mobilidade urbana de forma obxectiva

Unha persoa instalando a aplicación Smart Mobility Marín PontevedraViva

"Smart Mobility Marín" é unha aplicación para consultar en tempo real a ocupación dos aparcadoiros públicos.

A veciñanza de Marín xa pode ter no seu peto información en tempo real da ocupación dos aparcadoiros, para que poidan decidir en cal deixar o seu coche e reducir o tráfico circulante.

Para poder descargala, é abondo con entrar na tenda de aplicacións correspondente, tanto en Android como en Iphone, e buscar "Smart Mobility Marín", descargando a app que ten o logo do Concello.

Por outro lado, o Concello está a preparar unha serie de vídeos explicativos de como chegar aos distintos aparcadoiros desde as entradas doutros concellos limítrofes: desde Pontevedra, arrancando na Avenida de Ourense; desde Bueu, co punto de partida á altura de Tiro Naval Janer, e desde Vigo/Moaña, partindo de Jaime Janer.

O obxectivo destes vídeos é poder axudar a aquelas persoas que veñen de fóra de Marín a atopar estas bolsas de estacionamento, que moitas veces son descoñecidas para os visitantes de fóra cando veñen pasar o día á vila ou a traballar.