Unha aplicación permite coñecer o estado de ocupación das prazas de aparcadoiro no Porto de Marín

Marín
11 de maio 2023

O proxecto lanzouse en modo piloto coa zona próxima a Cabomar, onde se congregan cen prazas para coches. A app denominada "SmartParking APMarín' está desenvolvida por Orange e xa pode descargarse en Android e iOS

Porto de Marín Mónica Patxot

Xa se atopa en marcha a nova aplicación para móbiles que axudará ás persoas usuarias do Porto de Marín a coñecer se hai prazas de aparcamento libres no recinto.

A Autoridade Portuaria indica que este proxecto se lanza en fase de modo piloto aplicándoo á zona situada próxima a Cabomar, en Praceres. Alí atópanse ao redor de cen prazas para coche. 

A app denomínase 'SmartParking APMarín' e foi elaborada por Orange. Pódese descargar tanto en Android como en iOS.

A proposta inclúese na estratexia de Transformación Dixital do Porto e está relacionada coa optimización de infraestruturas portuarias. A través da app monitorízanse en tempo real os niveis de ocupación dos aparcamentos e, desta forma, mellorar a xestión de tráfico, recompilar máis información sobre a circulación dentro do porto e ofrecer unha solución tecnolóxica a persoas usuarias e traballadores de empresas portuarias.

Para realizar a monitorización utilízanse cámaras con Intelixencia Artificial que mapean as diferentes superficies de aparcamento do Porto. A través dun algoritmo de procesamento de imaxes determina se as prazas atópanse ocupadas ou libres. A aplicación informa o usuario utilizando un código de cores o estado en que se atopan os espazos nas zonas de aparcamento.