Unanimidade plenaria para pedir a rebaixa da peaxe e a transferencia da AP-9 a Galicia

Bueu
02 de marzo 2021

A sesión celebrada durante este luns 1 de marzo aprobaba tamén o expediente de contratación do servizo de xestión tributaria e unha moción para acondicionar a ruta dos Muíños

Pleno telemático da corporación de Bueu Concello de Bueu

Durante este luns 1 de marzo desenvolvíase a sesión plenaria da corporación municipal de Bueu na que se aprobaba a moción, presentada polo BNG, reclamando a transferencia da autoestrada AP-9 a Galicia e a rebaixa das peaxes por parte do Goberno do Estado.

A moción indícase que Galicia paga as peaxes máis caras afectando os petos de miles de traballadores sendo ademais un lastre á competitividade das empresas galegas mentres a empresa concesionaria recadou en 2019 un total de 153 millóns de euros ao ano, ao redor de 420.000 euros diarios.

O grupo municipal do PP solicitou unha emenda reclamando a que se invistan recursos para acometer as obras pendentes, manter as bonificacións comprometidas e garantir a xestión da autoestrada. Todos os grupos admitiron a proposta e a moción foi aprobada por unanimidade.

Unha segunda moción, presentada polos populares, centrouse na reivindicación do acondicionamento da Ruta dos Muíños para a Semana Santa e o verán. A reclamación ao  Concello contou cunha emenda por parte do Xosé Leal, portavoz do BNG,  señalanado que debería constar na emenda a responsabilidade doutras administracións. A moción tamén foi aprobada.

Ademais, durante a sesión aprobábase o expediente de contratación do servizo de xestión tributaria, tras un debate político entre o goberno e a oposición; e a modificación da ordenanza fiscal número 14 reguladora da taxa para a utilización do Dominio Público Local, coa supresión da taxa de cadeiras e mesas nas terrazas de hostalería ata novo aviso debido á actual situación económica e sanitaria.