Un xulgado pontevedrés anula por primeira vez unha multa por saltar o confinamento tras declaralo ilegal o Constitucional

Pontevedra
22 de xullo 2021

O Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra anula a multa dun veciño de Tui que fora sancionado con 601 euros por saír a un parque infantil coa súa filla o 31 de marzo de 2020. O Estado deberá devolverlle os 300,50 que pagou e tamén as costas. É o primeiro xulgado de Galicia en pronunciarse en anular una destas multas

Edificio xudicial na Parda Mónica Patxot

A Xustiza galega xa empeza a anular multas impostas durante o primeiro estado de alarma por saltarse o confinamento unha vez que a recente sentenza do Tribunal Constitucional declarouno ilegal. O primeiro xulgado da comunidade en ditar unha sentenza destas características é o Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra

O xulgado pontevedrés ditou, por tanto, a primeira sentenza de Galicia na que revoga unha multa por saltarse o confinamento, baseándose en que o Constitucional declarou nulas as restricións de circulación do estado de alarma aprobado o 14 de marzo de 2020.

O maxistrado Francisco de Cominges Cáceres estima nesta sentenza un recurso presentado por un veciño de Tui contra a Subdelegación do Goberno de Pontevedra. Fora sancionado con 601 euros por saír a un parque infantil coa súa filla e abonou 300,50 euros ao acollerse ao desconto por pronto pago. Agora, a administración deberá devolverlle o diñeiro.

O xuíz subliña que na sentenza do Constitucional que anula a prohibición de circulación establecida no Real Decreto 463/2020, polo que se decretou o estado de alarma sinálase "con carácter expreso" que esa declaración de nulidade afecta, retroactivamente, ás sancións administrativas impostas por incumprir o confinamento

Neste caso concreto, o veciño denunciado estaba nun parque infantil do paseo de Tui ás 18.40 horas do 31 de marzo de 2020, acompañado pola súa filla, e foi multado "única e exclusivamente" por incumprir, sen causa xustificada, a prohibición de circulación. Durante o xuízo, o home explicou que se viu obrigado a baixar ao parque porque a súa filla "entrou en estado de ansiedade tras varios días de peche”. 

A sentenza, que xa é firme, tamén engade que, neste caso en concreto, ademais da recente sentenza do Constitucional, concorre outra causa adicional de anulación da multa, "por infrinxir os principios de legalidade e tipicidade”, pois o veciño sancionado e a súa filla regresaron ao seu domicilio cando llo requiriron os axentes da Garda Civil, de modo que non houbo desobediencia

Respecto diso, o xuíz Francisco de  Cominges lembra que todos os xulgados contencioso-administrativos da provincia de Pontevedra emitiron "multitude de sentenzas sobre casos análogos" nas que anularon as sancións ao non desobedecer os multados unha orde directa ditada por un axente da autoridade, senón os mandatos dunha disposición de carácter xeral. 

O xuíz impón á Administración do Estado o pago das costas do litixio e contra esta sentenza xa non cabe interpoñer recurso.