Un viveiro de árbores e plantas para integrar a persoas con discapacidade

Marín
12 de xullo 2021

O centro especial de emprego que a Fundación Xoán XXIII ten en Marín apostou por crear un viveiro de árbores e plantas que dá emprego a persoas con discapacidade. É unha iniciativa que forma parte do programa Natura XXIII

Visita de Fabiola García ao viveiro do centro de emprego de Juan XXIII Xunta de Galicia

O centro especial de emprego que a Fundación Xoán XXIII ten en Marín apostou por crear un viveiro de árbores e plantas que dá emprego a persoas con discapacidade. É unha iniciativa que forma parte do programa Natura XXIII.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou este luns as instalacións deste viveiro, que ten por obxectivo seguir creando novos servizos de xardinería, exposición ou venda de produtos.

A Fundación Xoán XXIII leva a cabo a través do proxecto Natura XXIII un programa de actividades lideradas por persoas con discapacidade cos que pon en valor a súa autonomía persoal.

Durante o programa, os participantes contan con apoio laboral e social para levar a cabo diferentes labores. Entre as tarefas están a venda de plantas e artigos de xardinería a particulares e empresas, compoñer xardíns temáticos ou crear puntos de venda nos que artistas locais poidan expoñer as súas obras.

Durante o seu paso por Marín, a conselleira de Política Social tamén visitou o centro de día para persoas con alzhéimer que xestionan as entidades Afaga e Afapo en Marín.

Fabiola García afirmou alí que a Xunta continuará apoiando a todas as entidades sociais que busquen mellorar a vida das persoas maiores e as persoas con discapacidade.