Un verán sen campamentos na Lanzada

Pontevedra
22 de maio 2020

A Deputación de Pontevedra non organizará este ano os tradicionais campamentos de verán na Lanzada, a chamada DepoAventura a Lanzada. Este venres tamén acordou a suspensión dos programas: Tecendo Lazos, DepoTermal, DepoEnMarcha, En ruta coa Depo, DepoDesafío, DepoAndainas, os Campamentos polideportivos e Conectadas.

Campamento de verán da Lanzada

A Deputación de Pontevedra non organizará este ano os tradicionais campamentos de verán na Lanzada, a chamada DepoAventura A Lanzada. Este venres tamén acordou a suspensión dos programas Tecendo Lazos, DepoTermal, DepoEnMarcha, En ruta coa Depo, DepoDesafío, DepoAndainas, os Campamentos polideportivos e Conectadas.

Os tres grupos provinciais con representación na corporación provincial, PSOE, PP e BNG, asinaron ademais este venres a constitución oficial dunha comisión técnica na Deputación de Pontevedra, integrada por funcionarios da institución, a través da que asesorar aos concellos sobre as dúbidas e problemáticas que poidan xurdir pola crise da Covid-19.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu conta desta decisión unánime en rolda de prensa. Pola súa banda o voceiro do PP, Jorge Cubela agradeceu que o goberno provincial asuma esta petición que plantexou o Partido Popular nas reunións de seguimento, xa que está convencido de que "vai ser unha ferramenta moi útil para apoiar e asesorar a todos os concellos desta provincia".

Carmela Silva tamén informou que se van modificar as bases do Plan Concellos, para poder incrementar as porcentaxes que se destinan para a liña 3, destinado ao emprego. Deste xeito, o acordo adoptado é que os concellos poidan incrementar do 22 ao 30% a cantidade que destinan para a contratación de persoal.

Na Xunta de Goberno aprobáronse investimentos de máis de 1,2 millóns de euros do Plan Concellos para Nigrán, Redondela, Mos, Sanxenxo, Soutomaior, Meis e Portas. A maioría serán para obras no patrimonio, saneamento e vías municipais e para emprego.