Unha muller de 71 anos faleceu nun accidente rexistrado ás dez e vinte da mañá deste martes na Autovía do Salnés, á altura da localidade do Mosteiro, no municipio de Meis.
Segundo informou a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) un dos dous automóbiles implicados no suceso circulaba en sentido contrario e chocou frontalmente contra o outro vehículo.
Así o confirmaron os axentes da Garda Civil de Tráfico a través do 112 Galicia: tratábase do mesmo coche que un pouco antes se vio acceder á Autovía do Salnés por Barro e dirixíase cara a Sanxenxo polos carrís en sentido Pontevedra.
Os dous ocupantes dun dos vehículos, un home de 46 anos e a súa nai de 71 anos, resultaron feridos graves e estaban atrapados no interior do coche tendo que ser liberados polas dúas unidades de bombeiros que se desprazaron desde as bases de Ribadumia e Vilagarcía. Finalmente, a muller faleceu.
Tamén resultou ferida a persoa que circulaba no outro coche implicado: tratábase do único ocupante, un home de 51 anos.
Aínda que inicialmente o 112 comunicou o posible incendio dun dos turismos, a intervención dunha persoa cun extintor evitou as lapas e finalmente só houbo fume.
O 061 mobilizou a un dos seus helicópteros, que non puido despegar debido á néboa. Tres ambulancias, unha delas medicalizada, evacuaron ás persoas feridas ao Hospital de Montecelo. Tamén interviñeron os voluntarios de Protección Civil de Meis.
A Garda Civil de Tráfico está a investigar as causas deste accidente que provocou retencións no tráfico neste punto da Autovía do Salnés.