Un tribunal popular xulgará na Audiencia de Pontevedra o crime da rozadoira da Cañiza

Pontevedra
23 de marzo 2019

Os feitos conmocionaron A Cañiza en xuño de 2017 e agora poden materializarse nunha condena de 18 anos de cárcere para o único acusado. A Fiscalía pedirá ao xurado que o considere autor dun delito de asasinato por matar o seu veciño cunha rozadora e outro de asasinato en grao de tentativa por tentar matar á filla deste

Audiencia Provincial de Pontevedra Mónica Patxot

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra reservou cinco días da próxima semana, entre o luns 25 e o venres 29 de marzo, para xulgar o coñecido como crime da rozadora da Cañiza. Un tribunal popular será o encargado de determinar a responsabilidade penal de José Luis V.A., un veciño de Vigo con casa neste municipio pontevedrés acusado de asasinar cunha rozadoira ao seu veciño e tentar asasinar á filla deste

Os feitos conmocionaron A Cañiza en xuño de 2017 e agora poden materializarse nunha condena de 18 anos de cárcere para o único acusado. A Fiscalía pedirá ao xurado que o considere autor dun delito de asasinato e outro de asasinato en grao de tentativa e recoñeza que debe aplicárselle a circunstancia atenuante moi cualificada de trastorno mental. A condena quedaría en 12 anos polo asasinato consumado e seis polo tentado. 

Ademais, o fiscal pide que o acusado, en prisión por estes feitos desde a data do crime, sexa condenado á prohibición de aproximación a menos de 200 metros, e de comunicación por calquera medio cos parentes ata o segundo grao da súa vítima falecida durante 18 anos.  

O fiscal sostén no seu escrito de acusación que José Luis tiña unha vivenda na Cañiza á que acudía as fins de semana e as súas dúas vítimas, pai e filla, de 22 anos, vivían de forma habitual nunha vivenda próxima á segunda residencia do acusado. O acusado e o seu veciño tiñan malas relacións e xa protagonizaran varios procedementos xudiciais como consecuencia das mutuas agresións

O día 7 de xuño de 2017, sobre as 10.30 horas, o acusado atopábase no camiño que une a casa do seu veciño e a súa cuadra limpando as herbas cunha rozadoira acesa. Nese momento, os seus veciños saíron do seu domicilio e José Luis, coa intención de agredir ao seu veciño, avanzou os metros que os separaban e aproximouse a el, dirixindo a rozadoira á súa cara.

A súa primeira acción foi cortar dun tallo o nariz  do seu veciño. Fíxoo sen deixarlle posibilidade de defenderse e, a consecuencia do corte, a súa vítima caeu ao chan. A filla do atacado sacou o seu teléfono móbil coa finalidade de efectuar unha gravación de todo o que estaba a suceder, momento no que o acusado dirixiu a rozadoira cara á man coa que gravaba e cara á súa cara.

O ataque continuou a pesar de que as súas dúas vítimas tentaron fuxir e o fiscal sostén que nin o pai nin a filla tiveron oportunidade de defenderse. A el provocoulle feridas mortais polas que faleceu días despois no hospital e a ela causoulle graves lesións das que tivo que ser operada, pero recuperouse.  Si lle deixou á moza, de 22 anos, importantes secuelas.

O acusado actuou, segundo informe médico forense, coas súas facultades  volitivas (aquelas que dominan os seus impulsos)  afectadas de maneira severa (isto é, intensa), e coas súas facultades  intelectivas (aquelas que permiten  discernir se o que se fai está ben ou está mal) cunha diminución polo menos moderada (isto é, parcial).