Un taxista dá positivo na proba de alcohol en Raxó despois de impactar contra un camión

Poio
17 de abril 2024
Actualizado: 19:14

Sucedía sobre as 15.35 horas na Rúa Avenida Portería da parroquia de Raxó en Poio e o taxista resultaba ferido leve como consecuencia do accidente. A Policía Local foi requerida no punto do impacto e realizou as probas de alcholemia, malia tratarse dunha zona de competencia da Garda Civil que, nese momento, non contaban con efectivos para trasladarse ao lugar

Accidente entre un taxi e un camión en Raxó Policía Local de Poio

Un taxi impactaba cun camión na tarde deste mércores na curva pronunciada da Rúa Avenida Portería na parroquia de Raxó en Poio, no quilómetro 11 da PO-308

O condutor do taxi sufría feridas leves como consecuencia do accidente. Segundo o 112 Galicia, o taxi chocou contra o camión quedando encaixado debaixo, pero sen que o condutor quedara atrapado. O condutor do camión resultaba ileso.

Ata o lugar desprazábase a Policía Local de Poio e despois de someter o condutor do taxi á proba de alcoholemia, os axentes comprobaban que o home conducía baixo a influencia do alcohol ofrecendo resultado positivo.

Os feitos son constitutivos dun delito contra a seguridade viaria.

As dilixencias efectuadas polos axentes, segundo informa a Policía Local, serán trasladadas á agrupación de Tráfico da Garda Civil para que as remita ao xulgado.

A Policía Local foi requirida para acudir ao momento debido a que, neses momentos, a Garda Civil de Tráfico non dispoñía de efectivos para achegarse ata o lugar do sinistro.

A estrada foi cortada temporalmente a causa da colisión, segundo o 112, e os servizos de mantemento da vía interviron para retirar os restos do accidente que se mantiñan na calzada.