Un supermercado de máis de 1.000 metros cadrados e 16 persoas para o desembarco de Aldi na cidade

Pontevedra
22 de marzo 2023

É o primeiro supermercado da compañía na provincia de Pontevedra, o segundo en Galicia. A tenda, que abrirá o 5 de abril, contará cunha variedade de preto de 2.000 produtos, dos cales un 86% son de marca propia e un 80% de orixe nacional, tamén de Galicia

Futuro supermercado de Aldi en Vialia Mónica Patxot

A multinacional alemá Aldi desvela detalles do seu desembarco en Pontevedra, que se producirá, tal e como xa anunciara PontevedraViva, o día 5 de abril coa apertura do seu local no centro Vialia.

Esta primeira tenda da cadea de supermercados e contará con máis de 1.000 metros cadrados -o local ten 1.240- de superficie comercial e un persoal de 16 persoas.

Esta apertura será a primeira de Aldi en Galicia este 2023 e supón o primeiro supermercado da compañía na provincia de Pontevedra, o segundo en Galicia, tras a apertura en Santiago de Compostela en 2021.

Esta tenda contará cunha variedade de preto de 2.000 produtos, dos cales un 86% son de marca propia e un 80% de orixe nacional, tamén de Galicia. Entre a variedade de produtos locais hai lácteos, marisco, embutidos, queixos e viños, entre outros artigos.

Esta nova tenda en Pontevedra forma parte do plan de expansión de ALDI para este 2023, co que prevé inaugurar preto de 50 establecementos en España durante todo o ano, tres en abril.

A multinacional alemá leva en obras desde principios deste ano 2023 para preparar gran parte da planta baixa do centro Vialia para a súa nova actividade. As obras cambiaron totalmente a planta, cunha gran actuación integral na que Aldi anunciou que investiría case 838.000 euros.

Coa chegada de Aldi a Vialia, desaparecen o restaurante chinés, a sala de xogos e a entrada pola rúa Eduardo Pondal. O supermercado ocupará case toda a planta baixa do centro e a el poderase acceder desde un dos seus laterais, á beira da estación de tren.

Ademais, o antigo ximnasio situado no soto deste centro comercial, que quedara en desuso, será reconvertido en aparcamento, uníndoo coas actuais prazas soterradas baixo o edificio. Todo este espazo será para uso exclusivo do supermercado, con espazo para 67 vehículos de catro rodas e con cinco prazas para motos.

Este non é o único supermercado que entra nos plans de Aldi en Pontevedra, senón que abrirá unha segunda área comercial na avenida de Lugo, nas inmediacións da gasolineira. Aínda non hai data confirmada para esta nova actividade, pero si que será durante o ano 2023.