Un singular 'hostel' incorpórase á oferta hoteleira de Pontevedra

Pontevedra
10 de xullo 2020

Pontevedra reforza a súa oferta hoteleira. Faino cun singular 'hostel' que vén de abrir as súas portas na rúa dos Ferreiros. Trátase de Acolá Rooms, un espazo que ofrecerá oito habitacións privadas e dobres cunha capacidade para unhas dezaseis persoas

Visita das autoridades municipais ao 'hostel' Acolá Rooms Mónica Patxot

Pontevedra reforza a súa oferta hoteleira. Faino cun singular 'hostel' que vén de abrir as súas portas na rúa dos Ferreiros. Trátase de Acolá Rooms, un espazo que ofrecerá oito habitacións privadas e dobres cunha capacidade para unhas dezaseis persoas.

Este establecemento complementa aos dous albergues que, tamén baixo a denominación comercial de Acolá, xa estaban funcionando na rúa Arcebispo Malvar.

Iso si, a diferenza dos cuartos compartidos e con liteiras destes dous albergues, con este novo 'hostel' os seus responsables buscan diversificar o tipo de cliente potencial cara a peregrinos, turistas mozos, persoas que viaxan soas, familias ou grupos que busquen opcións diferentes.

Así o destacou a responsable deste establecemento, Candela Garrido, que recibiu este venres a visita do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e dos concelleiros de Urbanismo e Benestar Social, Xaquín Moreda e Paloma Castro respectivamente.

Este 'hostel', que abriu as súas portas o pasado martes, conta con oito habitacións. Unha delas está adaptada para persoas con mobilidade reducida e outra ten un aseo preparado para persoas ostomizadas, segundo explicou a súa propietaria.

"Queríamos ir un pasiño máis alá", asegurou a emprendedora pontevedresa, que busca "dignificar" con este proxecto o "concepto antigo de pensión".

O alcalde destacou que a apertura deste tipo de establecementos supón un "aumento da calidade" da oferta hoteleira de Pontevedra, algo que considera "necesario" nunha cidade "de servizos e de vangarda".

Fernández Lores tamén sinalou que abrir un negocio relacionado co turismo nunha época "moi complicada" dálle máis mérito a "arriscar cun proxecto así" que, segundo aventurou, ten futuro "e non vai depender dunha soa tempada".

"Esperamos que todo o contexto empece a remontar para traballar con normalidade", engadiu Candela Garrido, a quen o coronavirus colleuna "en plena tarefa" para abrir este novo negocio "e non podes mirar atrás ou parar ante algo así".

Así, sinalou que o obxectivo que se marca para este ano é "manternos e aguantar" e ter o espazo preparado para todos os visitantes que chegarán a Galicia no Xacobeo 2021.