Un segundo composteiro no campus atenderá á Escola de Forestais

Pontevedra
17 de decembro 2017

O Concello de Pontevedra, en colaboración coa Universidade de Vigo, instalará un segundo centro de compostaxe no campus da Xunqueira. Os traballos para a súa instalación comezarán esta mesma semana, segundo avanza o goberno municipal

Posta en marcha do composteiro do campus PontevedraViva

O Concello de Pontevedra, en colaboración coa Universidade de Vigo, instalará un segundo centro de compostaxe no campus da Xunqueira. Os traballos para a súa instalación comezarán esta mesma semana, segundo avanza o goberno municipal.

A situación do novo centro será o aparcamento de Forestais, fronte ao campo de fútbol de herba sintética da Xunqueira. Atenderá exclusivamente os residuos orgánicos desta escola.

O que xa está en funcionamento, que na actualidade composta arredor de 200 comidas da cafetería de Ciencias Sociais e 80 comidas da Escola de Forestais, quedará tan só para os residuos que xere a primeira destas dúas facultades

Para acometer estas obras, primeiro instalarase a base do composteiro ,feita cunha base de formigón e dotada con punto de auga e tamén de papeleira, e a continuación colocaranse seis módulos de compostaxe.

A decisión de ampliar o programa de compostaxe no campus tomouse tras comprobar que o centro de produción actual ten un rendemento superior ao agardado. Comprobouse día a día que o proceso de tratamento dos biorresiduos teñen un tempo menor do previsto.

Nos tres primeiros meses de funcionamento do composteiro do campus recolléronse 5 toneladas de biorresiduos e a previsión é que remate o ano (dende a súa implantación) con 20 toneladas. 

Segundo os técnicos, o compost xerado na Xunqueira é de moi boa calidade, carece de materiais pesados e ten un índice de nitróxeno biolóxico que ten chegado ao 7%, tres veces máis do que se precisa para producir con calidade óptima.