Un restaurante de Praceres dará de comer aos nenos con bolsa para os comedores escolares

Pontevedra
26 de marzo 2020

O restaurante en cuestión, o Bar O Roxo, é un dos máis populares dos Praceres. Unha das súas responsables, Mari Carmen, recoñece que cando lles chamaron do Concello "non dubidamos en aceptar", ao ser un servizo "moi bonito" que achegar á sociedade nestes momentos

Bar O Roxo, que dará de comer aos nenos dos comedores escolares Bar O Roxo

Un menú "equilibrado e variado" que se preparará cada día nun restaurante de Praceres. É a comida que recibirá o centenar de nenos e nenas -bolseiros polos servizos sociais- que, tras o peche dos colexios, quedaron sen comedores escolares. Para moitos eles, a súa única comida quente en todo o día.

Estes menores, ata o de agora, recibían táperes de comida que servía o comedor social de San Francisco. A edil de Benestar Social, Paloma Castro, explicou a PontevedraViva que "Foi unha decisión que se tivo que tomar rápido para que estes nenos non quedasen sen comer".

Pero ante a extensión do estado de alarma, o Concello preferiu buscar outra opción. "A comida de San Francisco está moi ben, é variada e está quente pero non ten todo o que require a nutrición infantil", segundo a concelleira socialista. 

En busca dunha alimentación "máis adecuada" para este centenar de nenos e nenas, o goberno municipal contactou coas responsables do restaurante para que fosen elas as que deseñasen un menú "equilibrado" para estes menores. 

"Buscamos varias opcións e quedámonos con este restaurante porque oiramos falar moi ben deles", subliña Paloma Castro, polo seu traballo coas excursións do Imserso e pola gran cantidade de traballadores do porto e de ENCE que comen alí a diario.

O restaurante en cuestión, o Bar O Roxo, é un dos máis populares dos Praceres. Unha das súas responsables, Mari Carmen, recoñece que cando lles chamaron do Concello "non dubidamos en aceptar", ao ser un servizo "moi bonito" que achegar á sociedade nestes momentos.

Para Mari Carmen e a súa compañeira este reto non supoñerá un problema. "Xa estamos afeitas a dar de comer a moita xente", explica, tras destacar que todo parte dun traballo "moi organizado" que comezará coas primeiras horas da mañá.

Co establecemento pechado polo estado de alarma, as responsables do Bar O Roxo centrarán toda a súa actividade nestes cen nenos e nenas. "Imos darlles de comer o que necesiten", explican desde o restaurante, que axustou os seus prezos para "só cobrar polo material que utilicemos" e que pagará o propio Concello.

De acordo cos servizos sociais, Mari Carmen deseñou un menú "bastante variado" que incluirá todo o necesario para unha adecuada alimentación infantil. "Haberá carbohidratos, arroz, pasta, verduras, carne e mesmo pescado unha vez á semana", segundo detalla.

Xamón asado con cenoria e arroz ou Milanesa de tenreira con pataca cocida e xudías, acompañado de iogur ou froita, serán dúas das súas primeiras propostas. "A idea é que un día leven porco, outro polo, outro tenreira e outro peixe e, ao quinto día, repetir unha das carnes", engade a responsable do Bar O Roxo.

Mari Carmen asegura que "nos preocupamos moito para que leven de todo" e, a este respecto, desde o Concello tamén lles informaron das posibles intolerancias e dietas de cada un dos menores. Iso si, garantindo o seu anonimato en todo momento.

"Eu non sei os nomes, só me deron unha lista na que me di cantos nenos ten cada familia e o que poden ou non poden comer para que o teñamos todo preparado", explica a cociñeira, que aclara que prepararán a comida con luvas e máscaras por seguridade e as bolsas serán seladas "para que haxa o menor tocamento posible".

Membros de Protección Civil irán todos os días ata Os Praceres a buscar as bolsas de comida que, posteriormente, as familias poderán recoller en dous puntos da cidade, Monte Porreiro e o edificio municipal de Santa Clara, onde está situado o CIM. Se algunha familia, de maneira excepcional, non pode achegarse a por ela levaráselle a casa.