Un repaso pola vida da fábrica de Alfares de Ponte Sampaio

Pontevedra
03 de outubro 2014

Máis dunha vintena de traballadoras da Pontesa reuníronse este xoves na Casa de Cultura de Ponte Sampaio nun acto programado dentro do proxecto 'A Memoria das Mulleres'

Xuntanza das traballadoras de Pontesa Memoria das mulleres

Máis dunha vintena de traballadoras da Pontesa fixeron este xoves un repaso pola vida da fábrica de Alfares de Ponte Sampaio, dende a xornada de inauguración, presidida por Franco en 1961 ata as mobilizacións que intentaron sen éxito impedir o peche definitivo no 2001.

As ex traballadoras reuníronse na Casa de Cultura de Ponte Sampaio nun acto programado pola concellaría de Patrimonio Histórico que dirixe Luis Bará, dentro do seu programa 'A Memoria das Mulleres' e conducido pola xornalista e actriz Comba Campoy.

A concellería logrou xuntar no acto a traballadoras que empezaron a fabricar louza antes desa xornada de apertura coas que estiveron no proceso de fabricación das últimas pezas. A maioría traballaron na fábrica décadas enteiras.

Segundo a información facilitada por 'A Memoria das Mulleres', empezaban a traballar con 14 e 15 anos, "e algunhas eran tan baixiñas que apenas lle chegaban ás máquinas", contaba Dolores, unha das traballadoras presentes no encontro. Algunhas eran tan pequenas que o xerente se achegou a preguntarlles se con súa idade non deberían estar xogando con bonecas en lugar de estar traballando ao que elas axiña contestaron que "para iso fai falta ter cartos".

Para moitas mulleres de Pontesampaio e a contorna, a Pontesa supuña a oportunidade de levar un soldo a casa e estando asegurada, por iso non dubidaron en deixar o mar ou a costura para facerse operarias da que, naquel momento, era unha das fábricas máis modernas do Estado. Unha das primeiras que incorporaba procesos tan pouco comúns daquela como a produción en cadea chegando en algúns momentos a ter máis de 1.200 empregados.

As mulleres da Pontesa lembraban no encontro a dureza de cada proceso. A fabricación, que obrigaba a mover moldes realmente pesados sobre todo se se trataba de facer pezas grandes, como as sopeiras; o verniz, o modelado ou a decoración. E as de Pontesampaio queixábanse dicindo que esta última fase, que consideraban a menos pesada, sempre se lles deixaba ás señoritas que viñan de Pontevedra, o que enseguida provocaba a resposta das afectadas que aseguraban que iso tamén era ben canso, "pois tiñas que pasar tantas horas fixando a vista que ao te erguer, mareábaste".

Lembraron a industria "que tanta fame nos quitou, iso si, a base de moito traballiño"

Pero mesturaron as lembranzas do traballo duro coas das festas, que cada Nadal enchían de luz á fábrica; coas anécdotas dos xefes, como aquela teima do señor Flores de rascar a cabeza cada vez que botaba unha reprimenda; co cheiro daqueles chourizos que de cando en vez cocían nos ocos do forno de cerámica, ou contando como era aquela vaixela que lle regalaron ao rei Juan Carlos coa Cartuja de Sevilla.

Tamén houbo tempo para a reivindicación, recordando as mobilizacións realizadas cando o cambio de dirección "e o exceso de xefes, que chegou a haber máis que traballadores", levou ao peche da fábrica, tendo moitas das presentes aínda pendentes cartos das indemnizacións por cobrar.

Durante unha hora, as mulleres da Pontesa reencontráronse coas vellas compañeiras e lembraron a industria "que tanta fame nos quitou, iso si, a base de moito traballiño".

O acto foi gravado pola concellería que dirixe Luis Bará, que comprometeuse coas traballadoras en facer un novo encontro para amosarlles o resultado de todas as pescudas que sobre a fábrica está levando a cabo o equipo do programa "A Memoria das mulleres".