Un relatorio na UNED centrará a súa atención no glaucoma, a coñecida como "cegueira silenciosa"

Pontevedra
25 de outubro 2023

A cita está prevista para o xoves 16 de novembro, con horario de 20.00 a 21.00 horas coa posibilidade de seguir a charla vía online. Será impartida polo óptico optometrista Abel Cons Arcos e a inscrición gratuíta xa está aberta

Revisión ocular UNED Pontevedra

O glaucoma é unha enfermidade que dana o nervio óptico do ollo. Estímase que máis dun millón de persoas padecen glaucoma en España, dos cales aproximadamente a metade non saben que o teñen, segundo AGAF, a asociación de glaucoma para afectados e familiares. A detección precoz é fundamental para o tratamento e evitar posibles casos de cegueira.

Por este motivo, o Centro asociado da UNED de Pontevedra organiza unha conferencia o xoves 16 de novembro, de 20.00 a 21.00 horas, na que se tratará sobre o glaucoma.

O óptico optometrista Abel Cons Arcos será o encargado de tratar este tema explicando en que consiste a patoloxía, síntomas e como afecta á visión.

Ademais centrará a súa atención na importancia dese diagnóstico precoz e por que se considera unha cegueira silenciosa alertando da importancia dunha revisión visual completa para prevenir posibles enfermidades oculares.

As persoas interesadas en asistir, tanto en liña en directo como en diferido ou no centro docente situado en Monte Porreiro, xa poden inscribirse gratuitamente a través da web do centro da UNED.