Un recoñecemento extraxudicial de crédito permitirá ao Concello pagar as catro facturas que debe polo muro do Xuviño

Poio
25 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

As catro facturas corresponden a un fraccionamento de contrato dunhas obras sen consignación nos orzamentos dese ano.

Recoñecemento a traballadores xubilados no 2023 no Concello de Poio Concello de Poio

O pleno de marzo do Concello de Poio inclúe, entre outros puntos, un recoñecemento extraxudicial de crédito que permitirá abonar as catro facturas que se emitiron para realizar o muro do Xuviño, unha actuación que se fixo antes das eleccións municipais do ano pasado e que se deixou sen pagar e sen consignación nos orzamentos.

Deste xeito, as catro facturas que se inclúen nese recoñecemento corresponden a un fraccionamento de contrato que, en total, ascende a 62.401,52 euros. Así, hai dúas facturas para movemento de terras da marxe esquerda do muro do Xuviño, que ascenden a 11.585,75 euros e 12.813,90 euros, respectivamente; unha terceira, de 17.242,50 euros para formación do muro na marxe esquerda; e, unha última, por importe de 20.759,37 euros para o lado dereito.

Segundo explican desde o Goberno, "esta obra foi feita sen consignación nos orzamentos, con moitas présas e, ademais, sen cartos para poder pagalas". 

TRABALLADORES DO CONCELLO XUBILADOS EN 2023

Por outra banda, o alcalde, Ángel Moldes recoñeceu este luns a "gran labor e implicación " dos catro traballadores do Concello de Poio que se xubilaron no ano 2023. 

Así, fixo entrega dun agasallo e do pin do concello, "como xesto de recoñecemento e aprecio " a Faustino Ucha Alvariñas, que foi conserxe do CEIP Isidora Riestra; Dolores Leiro Rey, do servizo de limpeza no CEIP de Espedregada; Carmen Castro Ucha, tamén do servizo limpeza no pavillón da Seca; e a Helena Martínez Epifanio, técnico de mocidade na Casa Rosada.