Un proxecto para converter contedores en albergues accesibles gaña o primeiro premio In-Teams

Pontevedra
26 de outubro 2022

O galardón que concede a Universidade de Vigo e AJE-Pontevedra no marco da rede Eusumo levouno o proxecto "Horreum" desenvolvido por Esteban Maestripieri e David Camba

Gañadores dos premios In-Teams DUVI

Horreum, un proxecto de negocio que ten como punto de partida a idea de acondicionar contedores para convertelos en albergues accesibles para persoas con mobilidade reducida, converteuse no gañador do primeiro premio do programa In-Teams, promovido pola Universidade de Vigo e AJE-Pontevedra, no marco da Rede Eusumo.

Dirixido a favorecer a creación de proxectos empresariais que tivesen como punto de partida resultados de investigacións desenvolvidas no campus ou as propias ideas de negocio das persoas participantes, esta iniciativa englobou o desenvolvemento dunha serie de accións formativas en materia de economía social, así como sesións de asesoramento que guiaron aos diferentes participantes no desenvolvemento dos seus plans de negocio.

Tras defender os seus proxectos a semana pasada diante dun xurado integrado por representantes da UVigo e da Asociación de Jóvenes Empresarios, a Casa das Campás acolleu na tarde deste martes a entrega de galardóns ás mellores propostas. 

Nun acto no que participaron o director de área adxunto á Vicerreitoría do campus, Luis Torres, e o presidente de AJE-Pontevedra, Jesús Rey, outorgouse un primeiro premio de 750 euros a Esteban Maestripieri, exalumno do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible, e David Camba por Horreum, un proxecto centrado na posta en marcha de albergues accesibles que serían xestionados, explicaron, “por persoas con capacidades especiais”.

O segundo premio, cunha dotación económica de 500 euros, foi para a investigadora da Facultade de Fisioterapia Karina Pitombeira por Pedaleando contra o Párkinson, un proxecto que ten como punto de partida as investigacións que desenvolven no grupo HealthyFit sobre as posibilidades do exercicio forzado, aquel no que o equipamento asiste nos movementos, á hora de atenuar determinada sintomatoloxía nos pacientes de Párkinson. A súa proposta, explicou, baséase na aplicación dunha “técnica de ciclismo en alta velocidade en bicicletas estáticas” dirixida a persoas afectadas por esta esta enfermidade ou outras patoloxías neurodexenerativas.

Fóra dos dous premios económicos, o xurado de In-Teams outorgou a terceira maior puntuación a Sator, un cuestionario online que ten como propósito “converterse na ferramenta de referencia para aqueles organizadores de carreiras en ruta e trail running que desexen avaliar o seu desempeño en materia de sostibilidade, así como detectar áreas de mellora”, desenvolvido pola investigadora do grupo EcoEvo Anais Rivas.

Así mesmo, no marco deste programa tamén se desenvolveron os plans de negocio de Upcycling Galicia, de Diana Pernas e Sary Rodríguez, centrado na confección de novos produtos a partir de residuos téxtiles; e a plataforma de comercio electrónico Conxelados a domicilio, de Seila Iglesias.