Un proxecto de transformación social máis aló da economía circular

Pontevedra
22 de setembro 2019

Joan Marc Simon é o director e un dos fundadores de Zero Waste Europe, unha rede con sede en Bruxelas e que está presente en 22 países europeos coa misión de "encamiñar na dirección correcta da emisión de residuos contaminantes a cero"

Joan Marc Simon, director de Zero Waste Europe Cristina Saiz

Joan Marc Simon é o director e un dos fundadores de Zero Waste Europe, unha rede con sede en Bruxelas e que está presente en 22 países europeos coa misión de "encamiñar na dirección correcta da emisión de residuos contaminantes a cero".

É interlocutor habitual da Unión Europea en moitas reunións coa industria e as ONG no campo da boa gobernanza, a nova economía, a xustiza social e o medio ambiente.

Estes días Joan Marc Simon atópase en Pontevedra para presentar a publicación monográfica que a súa organización dedicou ao Plan Revitaliza da Deputación no que se recoñece como unha "experiencia exemplar" ao programa provincial de compostaxe por ser un "modelo de xestión descentralizada" da materia orgánica, "contrastado e referendado con resultados".

"Está ao nivel da super política europea do Pacto Verde", valorou. "Marca o camiño para seguir a outros lugares da Unión no tratamento de residuos e poderá servir de base para a próxima normativa europea".

"Se aquí funciona facéndoo voluntariamente é un sinal de que é un bo sistema", engadiu.

"Se aquí funciona facéndoo voluntariamente é un sinal de que é un bo sistema"

O sistema de compostaxe descentralizada xa funciona noutros lugares do mundo, pero una das cuestións que singularizan ao Plan Revitaliza da Deputación é "a visión integral de formar á xente, porque no futuro imos ter que xestionar máis e crear estas novas xeracións de mestres compostadores creo que é vital".

Neste sentido destaca, non só a formación académica dos mestres, senón tamén que o Plan "fai un seguimento, traballa cos concellos e hai unha integración tecnolóxica".

Joan Marc Simon sinalou que o Plan Revitaliza vai "máis aló da economía circular" xa que máis que un modelo de transformación industrial e económica trátase de "un proxecto de transformación social que conleva un cambio na forma non só de producir senón tamén de consumir e de relacionarnos cos recursos". Case unha filosofía.

Involucrar aos escolares de toda a provincia nesta experiencia que non destrúe o planeta senón que axuda a rexeneralo foi outro aspecto que sorprendeu ao director de Zero Waste Europe.

A Deputación leva catro anos difundindo o Plan Revitaliza entre os centros educativos públicos e privados. "É básico, ten todo o sentido do mundo. Forma parte da nova educación, preguntarse como se van a xestionar os recursos localmente. Educar aos maiores é sempre máis difícil, pero se o fas máis fácil e máis barato colaboran", apunta Joan Marc Simon.

"Hai xente que pensa que compostar é volver cara atrás, pero eu creo que é dar un paso cara a adiante".

"É curioso como eses maiores esquecéronse de como funcionaban as cousas fai 30 ou 40 anos, teñen que reaprender todo isto. Hai xente que pensa que compostar é volver cara atrás, pero eu creo que é dar un paso cara a adiante".

A experiencia que atesoura Joan Marc Simon lévalle a mostrarse confiado en que a experiencia do Plan Revitaliza vai ser recibida "coas mans abertas" pola Unión Europea "eles están a buscar este tipo de propostas porque aúna todas as tendencias de loita contra o cambio climático, economía circular, economía e ocupación local", e todo iso en proximidade sen ter que gastar moito diñeiro e sen crear máis contaminación xa que "non necesita grandes investimentos, sae a conta e funciona nun prazo relativamente curto de tempo", engade.

Como el mesmo resumiu "a axenda social, económica e ambiental europea vai por aquí. Todo o que sexan boas prácticas que lle permitan reafirmar o seu discurso á Unión Europea vai ser útil".

Finalmente o director de Zero Waste Europe admite que sempre haberá quen opte por non colaborar nestes procesos de organización comunitaria, aínda que iso lles vaia en contra. En todo caso cre que son unha minoría.

A eses detractores aconsella que se acheguen a coñecer o Plan Revitaliza da Deputación, "que veñan velo e que estuden os resultados e se teñen mellores solucións que as propoñan, pero teñen que ser máis económicas e máis factibles. Nós estamos abertos, se hai unha opción mellor sempre a adoptaremos, pero eu diríalles que veñan e vexan e se atopan algo mellor pois que o compren".