Un proxecto de cultivo e comercialización de algas, premiado pola UVigo e AJE-Pontevedra

Pontevedra
20 de outubro 2023

Algas del Norte, un proxecto empresarial centrado no cultivo en tanques tanto de algas como de moluscos, converteuse no gañador da segunda edición de In-Teams, un programa de emprendemento promovido pola Vicerreitoría do campus e a Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE-Pontevedra)

Entrega dos premios In-Teams Universidade de Vigo

Algas del Norte, un proxecto empresarial centrado no cultivo en tanques tanto de algas como de moluscos, converteuse no gañador da segunda edición de In-Teams, un programa de emprendemento promovido pola Vicerreitoría do campus e a Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE-Pontevedra).

Este galardón está enmarcado nas iniciativas da Rede Eusumo da Xunta de Galicia. Articulado en formato de concurso, este programa buscaba que equipos multidisciplinares traballasen no desenvolvemento de diferentes proxectos empresariais que poidan constituírse en entidades de economía social.

Despois participar, nos últimos dous meses, en diferentes sesións formativas e contar coa titorización de persoas expertas, os equipos participantes nesta iniciativa defenderon na tarde deste mércores os seus plans de empresa diante do comité avaliador. Este decidiu outorgar un primeiro premio, dotado con 750 euros, á proposta de Diana Fernández, Jorge Fernández e Alejandra Canoura. 

Vinculada ao sector da acuicultura, Algas del Norte, explican, céntrase no "cultivo multitrófico de moluscos" e de algas, como a leituga de mar, o kombu de azucre ou a nori, no interior de tanques para a súa posterior deshidratación e venda no sector alimentario, principalmente, pero tamén no cosmético ou agrícola.

O proxecto de mobiliario sostible De Mytilo, foi recoñecido cun segundo premio de 500 euros e impulsada pola estudante de Administración e Dirección de Empresas da Universidade de Vigo Sara Villar, xunto con Ángela Martín. 

Dirixido, explican, a "ofrecer unha alternativa sostible nos materiais e pezas de decoración de fogares e negocios", a súa proposta baséase na fabricación de "pezas únicas de mobiliario", como mesados, pratos de ducha ou lavabos, con terrazo mariño, mediante o uso de cunchas de bivalvos e outros materiais naturais.

Tamén foi recoñecido, cun terceiro premio, SeaFarmUp, o proxecto de creación dunha "ferramenta dixital de apoio aos profesionais do mar", co obxectivo de que lles permita "unha xestión simple e eficiente dos seus parques de cultivo flotantes", ideada por Emilio Martínez e José Alberto Fernández. Así mesmo, na segunda edición deste programa tamén se desenvolveu un proxecto empresarial centrado en obter produtos como tés ou aceites a partir dunha plantación de camelias.