Un problema xurídico imposibilita que os cidadáns poidan gozar do paseo marítimo entre Pontevedra e Marín

Pontevedra
19 de agosto 2021

A  Avogacía do Estado busca unha solución ao contrato en vigor con San José que non resulte gravosa nin para a empresa nin para a Administración

Tramo do novo paseo marítimo entre Pontevedra e Marín PontevedraViva - Arquivo

Primavera de 2021, este era o prazo que a Delegación do Goberno en Galicia dera en outubro de 2020 como referencia temporal para proceder á inauguración do paseo maritimo entre Pontevedra e Marín. Un acto protocolario que terá que seguir demorándose mentres a obra - concluída na súa primeira fase -, ten o acceso e utilización vetada para a cidadanía.

Cal é o motivo polo que os viandantes de topan cunha zona valada que lles impide continuar a súa actividade ao aire libre neste novo viario?. Un problema xurídico

Esta actuación - do Ministero de Transición Ecolóxica, concretamente Costas - que conleva un investimento de dous millóns e medio de euros contempla dúas fases nun contrato único que se adxudicou á empresa San José. A primeira, que é a que está executada, consistiu nun paseo para peóns e ciclistas ao longo da PO-12 e unha segunda fase que comunicará coa pasarela peonil de Praceres.

A segunda parte, de case 800 metros de lonxitude e que supoñerá levantar unha estrutura pilotada sobre a ría, é a que ten que serrevisada para poder comezar a súa execución e a que mantén paralizado ata a data o proxecto. Actualmente a Avogacía do Estado busca unha solución ao contrato en vigor con San José que non resulte gravosa nin para a empresa nin para a Administración.

A situación conleva igualmente que esta primeira fase do proxecto non se entregase ao Concello de Pontevedra, que será a administración que se encargue do seu mantemento. Con todo, segundo as fontes consultadas, unha vez resolto o escollo burocrático, o Concello podería recibir o primeiro tramo sen ter que esperar á execución da segunda fase.