Un premio para os nenos e nenas que reclaman o seu dereito a ter pediatra

Marín
29 de xaneiro 2024

A Casa da Cultura de Seixo acolleu este domingo a entrega de premios do concurso 'A nosa vida sen persoal sanitario', organizado pola Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo co lema "o dereito das nenas e nenos a ter pediatra". "Hoxe, en Marín, hai centos de menores que non o teñen", denuncia a plataforma

Entrega de premios do concurso 'A nosa vida sen persoal sanitario' Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo

A Casa da Cultura de Seixo acolleu este domingo a entrega de premios do concurso 'A nosa vida sen persoal sanitario', organizado pola Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo co lema "o dereito das nenas e nenos a ter pediatra".

A plataforma, que agrupa a 21 colectivos das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo e Marín, destaca que a Casa da Cultura de Seixo "ficou pequena" para acoller as nenas e nenos participantes, as familias e a veciñanza que acudiu ao acto. 

As nenas e nenos premiados explicaron os seus traballos, "coa idea recorrente de que a falta dunha atención sanitaria axeitada provoca mortes" e, de fondo houbo unha reclamación unánime, o dereito das nenas e nenos a ter pediatra. "Hoxe en Marín, hai centos de menores que non o teñen. Iso leva a que se suspendan citas, a que non haxa controis de idade ou a que te deriven ás urxencias pediátricas do Hospital Provincial", denuncia a plataforma. 

Os traballos expoñeranse no monumento á loita veciñal que se atopa na Praza de Abastos de Seixo para que todo o mundo poida ver os debuxos e "para que este berro das nenas e nenos en defensa da sanidade pública estea sempre presente".

Cada participante de 4 e 13 anos recibiu un diploma e unha camiseta da plataforma e repartíronse 13 premios de libros e material esscolar.

A organización deu as grazas ás veciñas e veciños que colaboran nas súas iniciativas desde hai case tres anos e tamén ás nenas e nenos que fixeron uns debuxos "cheos de creatividade e de mensaxes reivindicativas", ás persoas que integraron o xurado e aos comercios colaboradores.

MANIFESTACIÓN O 4 DE FEBREIRO

Neste acto tamén se fixeron moitas reservas de prazas para o autobús para a manifestación do vindeiro domingo 4 de febreiro en Santiago "pola sanidade que queremos e merecemos".

O prezo é de 5 euros para axudar a pagar os autobuses. Poderase reservar o autobús no 699 484 676 e en distintos establecementos: café bar Freixo en Marín, farmacia de Ardán, farmacia de Seixo, panadería do Cine en Seixo, librería Begoña en Seixo, ferretería La Comercial en Seixo.