Un pontevedrés entre os sobreviventes do naufraxio dun pesqueiro en Malvinas

Pontevedra
24 de xullo 2024

O balance provisional do naugrafio do palangreiro Argos Georgia nas Illas Malvinas, é de oito falecidos, cinco desaparecidos e 14 rescatados con vida, entre eles o pontevedrés Francisco Gondar, segundo oficial e residente na Boa Vila

Argos Georgia Argos Froyanes (Armadora do barco)

O balance provisional do naugrafio do palangreiro Argos Georgia nas Illas Malvinas, é de oito falecidos, cinco desaparecidos e 14 rescatados con vida, entre eles o pontevedrés Francisco Gondar, segundo oficial e residente na Boa Vila. 

Segundo informou a Delegación do Goberno, dous dos falecidos son galegos, o patrón de pesca, de Vigo, e o cociñeiro, de Baiona. Ademais hai outros catro galegos entre os sobreviventes, incluídos o capitán, o primeiro oficial e o xefe de máquinas, todos eles de Ribeira.

Desa localidade coruñesa tamén procede o relevo de máquinas, que permanece desaparecido xunto a outro galego.

O ministro español de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, explicou que as malas condicións do mar dificultan o operativo de rescate no lugar do naufraxio, a 170 millas ao este-sueste de Porto Stanley, capital das illas Malvinas. Unha armadora que auxiliou ao Pitanxo participa agora nos labores de rescate ao leste das Malvinas

O barco afundiu tras sufrir unha vía de auga.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores trasladou "o pésame as familias dos mortos e dos desaparecidos" e confirmou que "hai unha persoa que vive en Pontevedra que está vivo e que se chama Francisco Gondar, que é o segundo oficial, e que está pendente de chegar a porto, pero que está ben".

Lores destacou que a cidadanía aínda ten presente o naufraxio do Villa de Pitanxo, e agora chega esta nova "desgracia" polo que sinalou que "haberá que tomar medidas para que isto non volva a ocurrir" e para iso "haberá que poñer por diante de outras cousas a seguridade da xente que está traballando nos barcos". 

"Acidentes sempre pode haber, pero haberá que extremar as medidas de seguridade porque se están a producir demasiados accidentes e con resultado de morte", engadiu o alcalde. 

DELEGADO DO GOBERNO

Segundo informou en rolda de prensa o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, na mañá do martes a Autoridade Marítima das illas Malvinas comunícalles que o pesqueiro Argos Georgia, con bandeira británica da illa de Santa Elena, sufriu unha vía de auga e estase afundindo, a unhas 200 millas da costa.

Infórmanlles que hai 27 tripulantes: 10 deles españois, 8 rusos, 5 indonesios, 2 uruguaios e 2 peruanos.

A última comunicación que se tivo co pesqueiro foi cando os tripulantes avisan que van abandonar o barco e vanse a introducir en tres balsas salvavidas.

Segundo o que traslada Salvamento de Malvinas, as condicións meteorolóxicas eran moi desfavorables, con ventos de 35 nós e ondas de ata 8 metros, polo que a operación de rescate é moi complexa.

O Centro de Coordinación Marítima de Malvinas realiza un aviso aos pesqueiros que faenan na zona, entre eles o Robin M. Lee, barco da armadora galega Lafonia, e o chileno Porto Toro. Ademais, mobiliza a patrulleira de vixilancia Lilibet, así como medios aéreos (1 avión).

BALANCE 

O balance da situación a esta hora (12.00 horas do mércores) é  de 14 sobreviventes, que presentan lesións leves; 9 persoas falecidas e 4 desaparecidos.

Dos 10 tripulantes españois hai 6 sobreviventes dos que 4 son galegos (3 de Ribeira e 1 de Pontevedra), 1 de Barcelona e 1 de Albacete. E 2 persoas falecidas. Trátanse do patrón do barco e veciño de Vigo; e o cociñeiro da embarcación, de Baiona. Tamén hai outras 2 persoas desaparecidas, das localidades de Ribeira e Noia.

Sempre segundo o que transmite a Autoridade Marítima de Malvinas ás autoridades españolas, nestes momentos o pesqueiros Porto Toro e a patrulleira inglesa diríxense a Porto Stanley nas Illas Malvinas, con 14 sobreviventes e 9 falecidos. A previsión é que cheguen ao redor das 6 da tarde, hora española, aínda que pode variar.

Serán atendidos no Hospital King Edward VII Memorial, por profesionais, aínda que o que trasladan é que se atopan ben, con algunha lesión leve.
Mentres tanto continúa a procura, con medios aéreos, axudados por imaxes vía satélite.

Nas próximas horas, a Autoridade Marítima de Malvinas manterá unha reunión para decidir se continúan os labores de procura. 

“Quero aclarar, en todo momento, que o operativo o dirixe a Autoridade Marítima de Illas Malvinas, que como lles dixen, son os que nos veñen informando. Quero aproveitar para agradecerlles o traballo, dedicación e empeño que están a mostrar”, destacou Pedro Blanco.

“Desde o primeiro momento, desde a Delegación do Goberno co apoio das Subdelegacións, traballamos en coordinación cos Ministerios de Transportes, Pesca e Exteriores”, engadiu.

“Tamén, desde o primeiro momento, abrimos unha canle de comunicación coas familias e eu mesmo falei persoalmente con todas elas, co compromiso de seguir informándolles das novidades do rescate. Trasladeilles a solidariedade e o afecto do Goberno, e a nosa disposición do que necesiten. O pésame ás familias dos falecidos e toda a esperanza para as familias das persoas que seguimos buscando”.

Así mesmo, o delegado do Goberno mantivo durante toda a xornada unha canle de comunicación coa Xunta de Galicia para explicarlle as novidades do operativo de procura e rescate. Tamén falou cos alcaldes dos municipios de residencia dos tripulantes galegos.

REPATRIACIÓN

En canto á repatriación, Pedro Blanco dixo que “imos falar co armador” e que “o Goberno pon todos os medios ao seu alcance”. 

“En función do que estableza o Armador, o Goberno fretaría un avión para adiantar a repatriación. Para iso están activadas as embaixadas de Gran Bretaña, Arxentina e Uruguai”.

“Quérolle trasladar ás familias que non imos escatimar ningún esforzo e que, se fixese falta, -como xa fixemos noutras ocasións-, fariamos un voo para traerlles a España, dado que desde Porto Stanley non existe voo comercial para poder chegar aquí”, apuntou.

CAUSAS DO NAUFRAXIO

Polo momento, descoñécense as causas que provocaron a vía de auga. Realizarase unha investigación do sucedido.