Un pontevedrés consegue 40.000 euros na Bonoloto

Pontevedra
31 de marzo 2016

Preto de 40.000 euros gañou un cliente habitual na Bonoloto. As encargadas de darlle o premio foron as empregadas e a propietaria da Administración de Lotería número 9 da cidade do Lérez, situada na rúa Peregrina

Administración de Lotería número 9 Mónica Patxot

Á Administración de Lotería número 9, situada na rúa Peregrina, achegábase unha decena de persoas durante primeiras horas desta mañá. Desde dous mozos da barbería París, unha muller con présa por chegar ao traballo e mesmo varios pensionistas con carteira en man, acudían dispostos a comprobar boletos esquecidos ou a retirar uns novos. 

Pero entre todos eles, este xoves 31 destacaba un cliente habitual deste despacho de loterías que, á primeira hora da mañá, acudía ao portelo da administración para verificar o número premiado da Bonoloto. En total, este home conseguiu 39.356 euros grazas á súa persistencia no último sorteo da Bonoloto.

María del Carmen García, a propietaria da administración, desbordaba de alegría ante esta boa nova, tanto é así, que esta mañá decidiu ir o salón de peiteados. Haiapenas seis mesestivo a oportunidade de adxudicar outros dous premios, explica: outro na Bonoloto e un segundo premio na Lotería Nacional. 

A propietaria explica que é un comportamento pouco habitual que os premiados acudan pola administración. Ademais, manifesta que "cando é xente de paso, moitos deles peregrinos, nin veñen, nin chaman; pero cando se trata dun cliente habitual normalmente, si".

Ás veces, cando se dan estas circunstancias, os premiados deciden mostrar o seu agradecemento á administración. A propietaria declara que o máis habitual son os bombóns, "porque tampouco se trata dun premio tan grande" e espera que "cando deamos millóns veña un pouquiño máis, aínda que calquera cousa é ben recibida e agradecémolo moito". Noutros anos, cando a súa nai era a propietaria, cóntanos, recibiron algún ramo e mesmo unha cadea de ouro. 

Os números premiados desta Bonoloto foron o 7, 13, 21, 28, 35 e 47, co 4 como complementario e o 0 como reintegro. O afortunado gañou a segunda categoría ao coincidir cinco dos números xunto co complementario.