Un pontevedrés acumula dezanove denuncias por incumprir as restricións pola covid-19

Pontevedra
15 de marzo 2021

Ata dezanove denuncias nun ano de pandemia. É o triste récord dun pontevedrés que foi a persoa máis multada por infrinxir as restricións pola covid-19. Non é o único reincidente. Unha segunda persoa suma xa un total de doce. E outras dúas, oito cada unha

Control da Policía Local na Ponte das Correntes Cristina Saiz

Ata dezanove denuncias nun ano de pandemia. É o triste récord dun pontevedrés que foi a persoa máis multada por infrinxir as restricións pola covid-19. Non é o único reincidente. Unha segunda persoa suma xa un total de doce. E outras dúas, oito cada unha.

Todos eles son os principais negacionistas que foron denunciados pola Policía Local de Pontevedra entre marzo de 2020 e marzo de 2021, segundo detallou este luns a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías.

En total, os axentes municipais abriron 1.567 expedientes sancionadores a 1.137 persoas. Case a metade delas, un 42%, recibiron dous ou máis denuncias. 

A maior parte das denuncias, un total de 915, foron a unha soa persoa. Pero o resto, ata 652, recibíronas persoas infractoras como mínimo en dúas ocasións.

Así, entre os datos máis rechamantes deste balance da Policía Local figura o feito de que 134 persoas recibiron dúas denuncias por parte das autoridades.

As sancións foron impostas fundamentalmente por non usar a máscara obrigatoria nos espazos públicos da cidade.

29 DENUNCIAS NA ÚLTIMA SEMANA

Con respecto á última semana, Anabel Gulías explicou que se presentaron 29 denuncias, trece delas durante a fin de semana.

A maior parte, por consumir na vía pública, aínda que tamén por non usar máscara ou reunirse máis de 4 persoas sen ser conviventes ou pasar a hora do toque de queda.

Tamén se denunciou dúas persoas procedentes de Valencia e de Asturias que se saltaron o peche perimetral decretado en toda Galicia.

Desde o goberno municipal entenden que os controis policiais tiveron un efecto disuasorio nas persoas que usan os espazos públicos da cidade e destacan o alto cumprimento da cidadanía e, particularmente, da hostalería.