Os pontevedreses poderán dicirlle ao ano 2020 un moi expresivo 'Mala chispa te coma' a través do novo photocall que instalou o Concello na praza de España, na zona verde próxima ao monolito do km 0.
A iniciativa parte da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural no marco do proxecto 'Xardíns que falan'. O concelleiro responsable, Iván Puentes, considera que esta mensaxe "resume dun xeito moi noso ese desexo que temos todos de que este pesadelo da covid-19 remate canto antes e poidamos ir recuperando a normalidade coa chegada de 2021".
Os concelleiros socialistas Tino Fernández, Yoya Blanco e Marcos Rey fixeron este mércores unha primeira foto a modo de estrea e animan á cidadanía a tomar a súas propias imaxes e compartilas nas redes sociais utilizando o cancelo #MalaChispaTeComa2020.
Iván Puentes considera que é "un exercicio de catarse e de retranca grupal" que permitirá, a pesar de todo, despedir este ano cun sorriso.