Un pai e o seu fillo, detidos en Poio por cultivar marihuana na casa e vendela a terceiros

Poio
24 de xaneiro 2020

Segundo informou o instituto armado, o pai, de 55 anos, era o encargado da venda e distribución da droga; e o seu fillo, de 31, era o responsable do cultivo e o almacenamento. Ambos, tras declarar no cuartel, foron postos en liberdade coa obrigación de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexan citados

Plantación de marihuana incautada en Poio Guardia Civil de Pontevedra

Todo un negocio familiar. É o que tiñan as dúas persoas, pai e fillo, que foron detidos pola Garda Civil en Poio por un delito contra a saúde pública. Eran os responsables, segundo os investigadores, dunha plantación 'indoor' de marihuana que tiñan nunha das súas casas e da venda de droga que extraían das plantas que cultivaban.

Segundo informou o instituto armado, o pai, de 55 anos, era o encargado da venda e distribución da droga; e o seu fillo, de 31, era o responsable do cultivo e o almacenamento. Ambos, tras declarar no cuartel, foron postos en liberdade coa obrigación de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexan citados.

As investigacións iniciáronse o mes de outubro do pasado ano cando a patrulla rural de seguridade cidadá da Garda Civil de Pontevedra detectou a existencia dun posible punto de venda de drogas nunha vivenda de Poio.

Tras vixiar o inmoble, os axentes comprobaron que o domicilio era frecuentado por un considerable número de coñecidos, consumidores habituais de estupefacientes, que nalgúns dos casos foron interceptados coa droga que acababan de comprar.

O xulgado de instrución número 2 de Pontevedra autorizou o pasado martes a entrada da Garda Civil ao domicilio.

No rexistro, os axentes acharon preto de 300 gramos de haxix e máis de 100 gramos de marihuana, xa dosificados para a súa venda directa, unha báscula de precisión, 150 euros en efectivo, útiles de elaboración de drogas e dous teléfonos móbiles.

No marco do mesmo dispositivo procedeuse o mesmo día ao rexistro da vivenda do seu fillo, tamén en Poio, ao comprobar os investigadores que se dedicaba a cultivar, elaborar e almacenar a droga que vendía o seu pai.

Alí, a Garda Civil descubriu unha plantación de marihuana dotada dun sofisticado sistema de rega, ventilación, iluminación, control de temperatura e humidade, que aceleraba o crecemento e a produción das plantas.

Os axentes incautaron trinta macetas con plantas de cannabis na súa última fase de crecemento, útiles e medios para o seu cultivo (oito lámpadas, dous temporizadores, dous transformadores, tres filtros, cinco ventiladores e un deshumidificador), unha motocicleta, un turismo, 160 euros en efectivo, unha báscula de precisión, útiles de elaboración das substancias e un teléfono móbil.