Un paciente de 74 anos, vítima 97 na área sanitaria, nunha xornada con 15 falecidos por covid en Galicia

Pontevedra
22 de xaneiro 2021

Entre as mortes notificadas pola Consellería de Sanidade este venres figura un home, de tan só 46 anos que falecía na Coruña por coronavirus e que non presentaba outras enfermidades no seu historial médico. Na provincia de Pontevedra durante esta xornada, ademais da vítima de Montecelo, faleceron outras tres persoas máis no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

Hospital Montecelo Cristina Saiz

A Consellería de Sanidade notificaba este venres 22 de xaneiro o falecemento de 15 persoas en Galicia diagnosticadas por covid. Entre elas atópase un home de 74 anos que perdía a vida no Hospital Montecelo durante as últimas horas. Segundo o Servizo Galego de Saúde no seu expediente clínico figuraban outras enfermidades previas ao contaxio por covid-19.

Con esta morte, o número de persoas falecidas na área sanitaria de Pontevedra desde o inicio da pandemia elévase a 97. Ao longo desta semana faleceron seis persoas no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP).

Entre o resto de falecementos que se notificaron este venres destaca a morte por covid-19 dun home, de tan só 46 anos de idade, que segundo os datos apuntados pola Consellería de  Sanidade non presentaba ningunha enfermidade previa no seu historial médico. 

Este home falecía no Complexo Hospitalario da Coruña onde tamén perdían a vida outro home, de 69 anos e unha muller de 86. Dous homes, de 82 e 87 anos, falecían na residencia Santa Teresa de Jornet e na DomusVI de Vimianzo. No Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol morrían dúas mulleres, de 76 e 87 anos.

Outras dúas mulleres, de 91 e 82 anos, falecían na residencia San José de Arzúa e a  DomusVi de Ribeira, mentres que no Complexo Hospitalario de Ourense perdía a vida un home de 84 anos.

Na provincia de Pontevedra tamén falecían durante as últimas horas, un home de 64 anos, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, do mesmo xeito que un home de 95 anos procedente da residencia Paz e Bien de Tui e unha muller de 90 anos, procedente da residencia Las Angélicas de Vigo. 

Agás no caso do home de 46 anos na Coruña, o resto de persoas falecidas presentaban patoloxías previas. Con estas 15 mortes, o número de vítimas por esta enfermidade en Galicia sitúase en 1.599 persoas que perderon a vida desde que se notifican as mortes con motivo da fatal pandemia.