Un operativo antidroga volve poñer o foco no Vao de Arriba e chega ao centro de Pontevedra

Poio
02 de decembro 2019
Actualizado: 17:32

A redada forma parte dun operativo antidroga que se está desenvolvendo de forma simultánea nesta zona de Poio e puntos sen concretar da comarca de Arousa. Trátase dunha operación conxunta da Garda Civil e da unidade de droga e crime organizado (Udyco) da Policía Nacional

Operativo antidroga no poboado do Vao de Arriba Cristina Saiz

Efectivos terrestres da Garda Civil, co apoio aéreo dun helicóptero, realizan desde primeira hora da mañá rexistros no poboado chabolista do Vao de Arriba.

A redada forma parte dun operativo antidroga que se está desenvolvendo de forma simultánea nesta zona de Poio e puntos sen concretar da comarca de Arousa e tamén, como novidade, na cidade de Pontevedra.

Desde primeira hora da mañá, unha patrulla da Garda Civil custodiaba un local comercial ubicado na rúa Virxe do Camiño e cara o mediodía desprazáronse ata o lugar varias dotacióms deste Corpo e da Policía Nacional para realizar un minucioso rexistro con orde xudicial.

Trátase dunha operación conxunta da Garda Civil e da unidade de droga e crime organizado (Udyco) da Policía Nacional e prevese que se prolonguen ao longo de toda a mañá, chegando tamén a outros puntos da comarca pontevedresa.

O operativo comezou moi cedo, a partir das 7.00 horas, coa presenza na zona do Vao dun helicóptero policial que sobrevoou tamén os arredores.

Segundo fontes da investigación, os axentes da Garda Civil realizan estes rexistros en varias chabolas autorizados por un xulgado pontevedrés. 

Por agora, descoñécese o alcance desta operación aínda que segundo puido saber PontevedraViva realizáronse polo menos media ducia de detencións nas distintas localidades nas que se están a realizar os rexistros.

Cabe lembrar que as últimas operacións antidroga realizadas pola Garda Civil e a Policía Nacional desenvolvéronse no Vao de Arriba, foco de atención das forza de seguridade pola intensa actividade rexistrada.

Fontes da Subdelegación do Goberno sinalan que, ata o momento, xa se realizaron 11 detencións dentro do marco desta operación.