Un novo falecido e 12 altas de pacientes de coronavirus na área sanitaria, que rexistra un total de 393 casos activos

Pontevedra
02 de abril 2020

Desde que se iniciou a alerta sanitaria polo Covid-19 faleceron nove persoas na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, o último un home de 82 anos que estaba ingresado no hospital de Montecelo e que presentaba patoloxías previas

Persoal sanitario do ambulatorio Virxe Peregrina o martes 31 de marzo Diego Torrado

Unha persoa faleceu nas últimas horas na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés a causa do coronavirus. Trátase dun home de 82 anos que presentaba patoloxías previas e que fai subir a nove o número total de falecidos desde o inicio da alerta sanitaria.

Así mesmo a área pontevedresa, segundo os datos oficiais deste xoves 2 de abril, deu 12 novas altas de pacientes infectados polo virus colocándose na cifra de 32 curados.

En canto aos casos activos ascenden a un total de 393, cun incremento de 11 desde o mércores, dos cales 89 pacientes están ingresados nunha planta de hospitalización (17 no Hospital do Salnés) e 19 atópanse na Unidade de Coidados Intensivos, un máis que onte, mentres que as 285 persoas restantes atópanse illadas nos seus respectivos domicilios.

No referido aos últimos datos, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 4.379 (+321 nas últimas 24 horas). Deles 954 son da área da Coruña, 520 da de Lugo, 660 da de Ourense, 1.018 da área de Vigo, 591 da de Santiago, e 243 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 165 permanecen en UCI, 819 están en unidades de hospitalización e 3.395 no domicilio. Por agora, en Galicia rexistráronse 333 altas de pacientes e 130 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 21.360.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

RECOMENDACIÓNS

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de  autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de  tosir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente  desechable- ao  tosir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.