Un novo estacionamento gratuíto cubrirá a demanda na contorna dos colexios Chan do Monte e San Narciso

Marín
23 de outubro 2022

O Concello de Marín habilitará unha parcela de 1.200 metros cadrados para dotar a ambas infraestruturas educativas dunha zona de estacionamento con capacidade para 50 vehículos. Practicamente todos os centros educativos da vila teñan asociado un parking público para dar este servizo aos seus usuarios

Parcela que habilitará zonas de estacionamento gratuíto na contorna dos colexios Chan do Monte e San Narciso Concello de Maríno

As inmediacións do IES Chan do Monte e do colexio San Narciso de Marín terán un novo aparcadoiro público gratuíto con capacidade para 50 vehículos.

O Concello de Marín habilitará unha parcela de 1.200 metros cadrados para dotar a ambas infraestruturas educativas dunha zona de estacionamento.

Desta maneira, tal e como destaca o Concello, cóbrese a demanda de estacionamento que xeran os cursos de FP que imparten ambos centros, nos que moito alumnado, pola súa idade, vai en coche propio.

O Goberno local de Marín destaca, a través dun comunicado, que con esta posta a punto da parcela, conséguese que practicamente todos os centros educativos da vila teñan asociado un parking público para dar este servizo aos seus usuarios.

Ademais, lembran que o Goberno municipal segue a buscar alternativas de ordenación do estacionamento que permitan integrar os dous obxectivos de mobilidade que persegue Marín: mellorar o espazo para dotalo de áreas máis peonalizadas e seguir ofrecendo opcións de estacionamento abondo para cubrir a demanda.