Un novo acto vandálico causa estragos na sede socialista de Pontevedra

Pontevedra
27 de abril 2019

Os vidros da súa fachada foron golpeados e presentan roturas por impacto. A iso súmase unha nova pintada que acusa os socialistas de seren "traidores da clase operaria". Os investigadores comezaron a traballar para saber a autoría destes estragos "vandálicos e intimidatorios" que o PSOE vincula coa manifestación de Ence

Pintada na sede do PSOE en Pontevedra PSdeG-PSOE de Pontevedra

Axentes da Policía Científica xa estiveron recollendo pegadas na sede do PSdeG-PSOE en Pontevedra que, esta pasada noite, foi vítima dun novo acto vandálico. Os vidros da súa fachada foron golpeados e presentan roturas por impacto. A iso súmase unha nova pintada que acusa os socialistas de seren "traidores da clase operaria".

Os investigadores comezaron a traballar para saber a autoría destes estragos "vandálicos e intimidatorios" que os socialistas vinculan coa manifestación en defensa de Ence.

O candidato do PSOE á Alcaldía, Tino Fernández, amosouse "absolutamente consternado" ante estes feitos e asegurou que se trata de accións "que non teñen cabida" en democracia e que son "intolerables, bárbaras e propias dunha ditadura".

O líder dos socialistas de Pontevedra esíxelles á empresa e ao "sindicato do PP", en referencia a Comisións Obreiras, que deixen de ser "irresponsables" e que poñan freo a estes actos de "hooliganismo" antes de que acontezan "cousas máis graves".

"Coido que isto xa sobrepasou todos os límites. Eu xa advertira sobre os perigosos discursos de odio que estaban a propagar, así que agardo que estean moi satisfeitos, porque xa se deu un paso máis nesta escalada vandálica", engadiu Tino Fernández.

Fernández está convencido de que a maior parte dos traballadores de Ence rexeitan este tipo de actos "que só contan co beneplácito da empresa e dalgún sindicato" e recorda que os socialistas apoian a reivindicación da manifestación "porque non queremos que a empresa peche, senón que se traslade".

Este traslado, reiterou o candidato socialista, é "totalmente viable" en Galicia, que "é un país moderno, con boas comunicacións, autoestradas e portos conectados por ferrocarril e que conta con condicións das que carecen Portugal e outros países de Sudamérica". O que non pode facer Ence, reiterou, "é ocupar un emprazamento de xeito ilegal".