Un mural para homenaxear a leiteiras e canteiros na escola de Verducido

Pontevedra
17 de marzo 2021

É a sétima intervención dos integrantes de Polo Correo do Vento no proxecto municipal O teu cole na historia, impulsado pola concellería de Educación para que os alumnos e alumnas dos colexios de Pontevedra coñezan a historia e contorna dos seus centros

Mural na escola de Verducido Concello de Pontevedra

Leiteiras e canteiros, dúas actividades profesionais que caracterizaron tradicionalmente á parroquia de Verducido, son os protagonistas do mural que vén de estrear a escola do lugar.

É a sétima intervención dos integrantes de Polo Correo do Vento no proxecto municipal O teu cole na historia, impulsado pola concellería de Educación para que os alumnos e alumnas dos colexios de Pontevedra coñezan a historia e contorna dos seus centros.

No caso da escola de Verducido, o mural bota man do encoro do Pontillón do Castro e a fervenza e os muíños que se poden atopar nesta privilexiada paisaxe natural como escenario.

As figuras dunha leiteira e dun canteiro, acompañados dun paxaro tan característico desta paraxe como un merlo, completan esta intervención artística.

As próximas actuacións do programa será nos colexios de Lérez, San Martiño (Salcedo), Santo André de Xeve, Ponte Sampaio, Manuel Vidal Portela, Marcos da Portela e na escola infantil Fina Casalderrey de Monte Porreiro.