Un 'Mozo de Arousa' para reforzar a candidatura do PP por Pontevedra, na que non repite Lupe Murillo

Pontevedra
15 de xaneiro 2024

"Temos unha lista moi renovada e rexuvenecida, de xente moi preparada, coñecida e traballadora, que representa a todos os colectivos e sectores da nosa sociedade", destacou Rueda, que asegura estar "moi orgulloso de estar tan ben acompañado"

Raul Santamaría, no programa "Reacción en cadena" Mediaset España

Once incorporacións novas -dezaseis se se suman os suplentes- inclúe a candidatura que presentará o Partido Popular por Pontevedra nas eleccións galegas do 18 de febreiro e que, como se confirmou este sábado, estará encabezada polo propio Alfonso Rueda.

"Temos unha lista moi renovada e rexuvenecida, de xente moi preparada, coñecida e traballadora, que representa a todos os colectivos e sectores da nosa sociedade", destacou Rueda, que asegura estar "moi orgulloso de estar tan ben acompañado".

Entre os vinte e dous titulares hai representantes de todas as comarcas pontevedresas, subliñan desde o PP; que tamén fan fincapé no alto grao de renovación dos candidatos.

Unha das grandes sorpresas é a incorporación de Raúl Santamaría, edil en Vilagarcía, no número 7 da lista. El é un dos tres 'Mozos de Arousa' que, desde hai meses, concursa no programa Reacción en cadena, emitido por Telecinco e no que xa gañaron máis dun millón de euros.

A empresaria viguesa Patricia García (2), a pontevedresa María Martínez Allegue (3), actual xefa territorial de Infraestruturas -que substitúe a Lupe Murillo na candidatura, ou os conselleiros de Educación e Sanidade, Román Rodríguez (4) e Julio García Comesaña (5), figuran nos postos altos.

O portavoz parlamentario do PP, Alberto Pazos (6), a viguesa Marta Mariño (8); as concelleiras de Cangas Dolores Hermelo (9) e de Sanxenxo María Deza (10); e o director xeral de Gandaría, o cerdedense José Balseiros (11) completan o primeiro tramo desta candidatura.

Esta lista, defendeu Rueda, conta con máis dunha quincena de persoas con responsabilidades actuais ou anteriores na política municipal, "coa clara intención de dispoñer de candidatos moi apegados e coñecedores do territorio e das necesidades dos cidadáns".

A lista complétana Miguel Fidalgo (12), Raquel Plana (13), Felisa Rodríguez (14), o marinense Manuel Santos (15), Moisés Rodríguez (16), o caldense Fernando Pérez (17), Ana Cristina Pérez (18), Ana María Iglesias (19), Alfonso Vázquez Reboredo (20) ou Iria Charín (21).

Estes vinte e dous postos titulares péchaos o edil pontevedrés Guille Juncal.

Arquivado en