Un motorista sen carné, condenado a prisión tras fuxir da Policía Local por distintas rúas poñendo en perigo a coches e peóns

Pontevedra
03 de xullo 2024

O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra e a Audiencia Provincial condenárono por un delito de condución temeraria e outro de condución sen permiso a un ano e seis meses de prisión. Perdeu o permiso en 2019 e, desde entón, foi condenado catro veces 

Axentes da Policía Local de Pontevedra Mónica Patxot

Un motorista ao que lle retiraran o carné e nunca o recuperara protagonizou en abril de 2023 unha perigosa fuxida dun control policial no que se puxeron en perigo outros vehículos e peóns e acabou coa motocicleta chocando contra unha patrulla da Policía Local de Pontevedra. Agora, foi condenado a un ano de prisión.

Os feitos ocorreron sobre as 20.38 horas do 1 abril de 2023. O agora condenado conducía unha motocicleta pola avenida de Marín e, ao chegar á confluencia da glorieta con Manuel do Palacio, axentes da Policía local de Pontevedra déronlle o alto, pero, no canto de deter a motocicleta, continuou a marcha.

O motorista saíu de alí a velocidade e introduciuse por unha zona reservada á parada de autobús cara á rúa Ribeira dos Gafos, poñendo en perigo ás persoas que estaban alí. Desde alí, virou á dereita cara á rúa Ponte Nova, onde estivo a piques de chocar cos vehículos aparcados e de arroiar a un peón que tivo que arrimarse á fachada dun edificio para non ser alcanzado.

Da rúa Ponte Nova introduciuse na rúa Rosalía de Castro, e a continuación, na glorieta da confluencia con Manuel do Palacio. Fíxoo sen respectar o sinal de ceda o paso, o que obrigou aos vehículos que circulaban pola glorieta a deterse.

Finalmente, o vehículo policial que perseguía ao acusado adiantouno na glorieta e interceptou a súa marcha. A motocicleta golpeou ao coche patrulla na porta dianteira dereita, producíndose a caída da motocicleta ao chan.

O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra condenouno por un delito de condución temeraria a un ano e un día de prisión e privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores durante tres anos e un día, pena que conleva a perda de vixencia do permiso. E tamén por un delito de condución sen permiso a seis meses de prisión.

En ambos os delitos aplican a circunstancia agravante de reincidencia, multirreincidencia no caso da condución sen permiso. E é que este home carece da preceptiva licenza para conducir por resolución  administrativa  de Tráfico desde 2019 e, aínda que realizou o curso de reeducación, non se presentou á proba de coñecemento preceptiva para a recuperación do permiso. Desde entón, foi condenado catro veces por condución sen permiso e unha por condución temeraria.

Ademais, en concepto de responsabilidade civil, indemnizará ao Concello de Pontevedra con 652,19  euros polos danos causados no vehículo policial.

O acusado recorreu a condena e a sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra revisou a causa, aínda que finalmente desestimou o recurso e confirmou a sentenza inicial.