Ao redor dun milleiro de persoas participaban na tarde deste venres na manifestación convocada polo Concello de Campo Lameiro contra a decisión adoptada pola dirección de Abanca de pechar a única oficina que existe no municipio.
A manifestación foi encabezada por portavoces dos grupos municipais, PPdeG, Porvir e PSdeG- Psoe. Ademais outros representantes políticos como as deputadas autonómicas Lupe Murillo e Paloma Castro; o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; o da Lama, Jorge Canda; ou o secretario provincial do PSdeG-Psoe, David Regades, asistían portando unha pancarta do mesmo xeito que decenas de residentes no municipio que mostran o seu rexeitamento a unha decisión que provoca, segundo entenden, graves prexuízos para todos os habitantes da zona ao verse obrigados a desprazarse para realizar operacións bancarias.
Persoas de avanzada idade, algúns en cadeiras de roda, achegáronse a este acto de protesta. Os manifestantes realizaron cánticos contra o máximo representante da entidade bancaria como "Escotet, escoita, Campo Lameiro está en loita" ou "Escotet, Escotet, tiñamos un banco e pechóunolo usté".
A concentración finalizaba diante da oficina de Abanca, onde o alcalde Carlos Costa leu un manifesto en nome de toda a corporación municipal con frases como "estamos hoxe aquí para erguer con dignidade a voz dos pobos modestos, a voz dos pobos humildes e traballadores que non se resignan ante a adversidade dos acontecementos" para continuar indicando que "estamos aquí para defender os dereitos dos veciños e veciñas de Campo Lameiro, pero tamén os dos pequenos concellos do rural galego que se ven sometidos a decisións inxustas que hipotecan o seu futuro, vulneran a igualdade de oportunidades e desertizan o noso territorio".
O máximo representante local indicou que "o rural galego mantívose leal e confiou no presidente de Abanca cando nos pediu que non retiraramos os cartos cando se fixo cargo das antigas caixas. El pediu o noso compromiso e nós respondémoslle con lealdade. Agora eles queren traizoar a nosa confianza, queren pechar a única oficina que teñen en Campo Lameiro e nós dicímoslles alto e claro: Non, non ao peche de Abanca e non á morte do rural galego".
Anunciou que seguirán loitando ata o final e que non resultará tan fácil acometer o peche co apoio da veciñanza.