Un mes enteiro para degustar en Poio "o produto estrela da ría", as ameixas

Poio
30 de agosto 2024

Desde este domingo 1 o Concello recupera as Xornadas Gastronómicas da Ameixa que levaban sen celebrarse desde 2002 e queren ser un prólogo á Festa da Ameixa de Campelo que se celebrará en outubro

Presentación das Xornadas Gastronómicas da Ameixa en Poio

Todas as fins de semana de setembro e desde este domingo día 1 retómanse en Poio as Xornadas Gastronómicas da Ameixa, unha convocatoria estival que non celebraba o municipio desde 2002 e que o goberno local retoma para que sirva tamén de prólogo á celebración en outubro da Festa da Ameixa de Campelo.

Así, de venres a domingos un total de quince establecementos de hostalería e restauración de Poio ofrecerán tapas, pratos e menús que teñen as ameixas como ingrediente principal. Exemplos da oferta son as ameixas á mariñeira, ameixas con fideos, con arroz, con fabas, ameixas en cazola, con gambas, con lagostinos, con berberechos ou ameixas á ferrolá, entre outras receitas. Os prezos oscilan entre os 3 e os 30 euros.

Desde o Concello, a concelleira de Turismo, Rocío Cochón e o alcalde, Ángel Moldes participaron na repartición de material promocional e animaba a veciños e visitantes a aproveitar "unha gran oportunidade para degustar o produto estrela da nosa ría e apoiar a sectores tan importantes para o municipio como o marisqueo, o turismo e a hostalería".

Os quince establecementos que se sumaron á iniciativa son: Casa Angelita (San Salvador), Restaurante Lourido (Lourido), Casa Laura (Campelo), Casa Susa (Muíño), O Eirado das Margaridas (Liñares), Pinela Terraza (Casalvito), Restaurante Alvariñas (Combarro), Arroyo Mar y Tierra (Combarro), Entrepedras (Combarro), La Espuela (Combarro), O Peirao (Combarro), La Nueva Parada (Chancelas), Pedramar (Combarro), O Novo Lar de Expósito (Covelo) e Vamos Falando (Raxó).

Este 2024 a Festa da Ameixa cumpre a súa trixésimo cuarta edición e está en trámite a súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia.