Un matrimonio, de 81 e 80 anos, falece o mesmo día vítima do covid-19 no Hospital Montecelo

Pontevedra
20 de xaneiro 2021

Trátase dun matrimonio de Moraña que perdía a vida por coronavirus nas últimas horas e que eleva a cifra de mortes por esta enfermidade a 94 persoas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Nesta xornada de mércores, a Consellería de Sanidade notificaba 16 falecementos en toda Galicia debido á pandemia. Todas as vítimas presentaba patoloxías previas no seu cadro clínico

Hospital Montecelo Cristina Saiz

Unha muller de 81 anos e un home de 80 falecían durante as últimas horas no Hospital Montecelo. Trátase dun matrimonio natural de Moraña, que contraera a enfermidade e que se atopaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra durante os últimos días.

Ambos faleceron na mesma xornada, con poucas horas de diferencia, durante a mañá e durante a tarde deste martes 19. Segundo o Servizo Galego de Saúde (Sergas), tanto a muller como o home contaban con enfermidades previas no seu historial médico.

Con estas dúas novas perdas, a cifra de persoas falecidas ascende a 94 na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés desde que se cuantifican as mortes por covid-19. A vítima anterior producíase tamén en Montecelo este luns 18 e tratábase dunha muller de tan só 57 anos que non contaba con patoloxías previas antes de contaxiarse por coronavirus, segundo o Sergas.

A Consellería de Sanidade notificaba este mércores 20 de xaneiro a morte de 16 persoas durante estas últimas horas en toda Galicia, entre as que se inclúe o matrimonio de Moraña. Dous homes, de 77 e 83 anos, e unha muller de 96, procedente da residencia  Paaz e Ben de Tui, falecían no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo; un home, de 56 anos e unha muller de 84, no Hospital de Povisa, tamén en Vigo.

A estas vítimas hai que sumar un home e unha muller, de 88 e 89 anos, no Complexo Hospitalario de Ourense; un home de 90 e dúas mulleres, de 84 e 85 anos, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; un home de 95 anos, no Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo, procedente da residencia A Pastoriza; unha muller de 80 anos, que falecía na residencia Santa María de Verín e outras dúas mulleres, de 91 e 87 anos que morrían nas residencias DOMUSVI de Vimianzo e Santa María de Verín, respectivamente.

Todas as vítimas rexistradas durante esta xornada presentaban outras enfermidades no seu historial clínico, segundo comunica a Consellería de  Sanidade. Con estas 16 novas mortes, o número de persoas falecidas en Galicia desde o inicio da pandemia ascende a 1.566.