Un mariñeiro de Bueu leva case un ano retido nun porto iemení e en condicións deplorables

Bueu
20 de agosto 2021

A familia de Pablo Costas Villar, capitán do 'Cobija' denuncia "indefensión e vulneración dos dereitos fundamentais por parte do Goberno". O Concello de Bueu aprobará unha declaración institucional e mañá a CUT previu unha concentración informativa

Protesta do sindicato CUT reclamando a volta de Pablo Costas Villar LoQueSomos

Pablo Costas Villar é veciño de Bueu. Un home do mar. Capitán do buque 'Cobija' que desde o 20 de setembro do ano pasado atópase retido no porto iemení de Al Mukallah tras unha denuncia de pesca ilegal por parte de Australia. Desde entón esta tripulación continúa retida nun país inmerso nunha guerra civil.

A familia de Costas Villar denuncia a existencia de "unha enorme indefensión e vulneración dos dereitos fundamentais por parte do Goberno, ademais dun abandono dos mariñeiros por parte do actual armador do barco". Segundo transmiten "están sen víveres e o único que inxeren é a auga que obteñen das letrinas, sen garantías de salubridade e que ferven varias veces antes de engadirlle azucre e té".

O sindicato CUT leva meses buscando axuda no Ministerio de Asuntos Exteriores sen que ata a data conseguisen solución, segundo explicou este venres o seu portavoz Manuel Caamaño na Xunta de Portavoces urxente que se desenvolveu no Concello de Bueu. Unha sesión á que acudía tamén Víctor Costas - irmán do capitán do 'Cobija' e quen expuxo que "a situación é terrible, as temperaturas altísimas, sen alimentos e coa presenza de roedores no barco".

Resultado desta Xunta de Portavoces acordouse, de forma unánime por todos os grupos políticos (BNG, PSOE, PP e ACB) aprobar no pleno do mes de setembro unha declaración institucional esixindo ao Ministerio de Exteriores que dea solución a esta situación. Félix Juncal, alcalde de Bueu sinalou que "se trata dun tema de humanidade, xa que Pablo Costas está abandonado e esquecido e merece a preocupación e o respaldo do Goberno español". Antes, este sábado 21 de agosto, o sindicato CUT organizou unha concentración informativaante o edificio do Concello ás 11.00 horas.