Un mapa permitirá coñecer a pegada da Memoria das Mulleres nas rúas da cidade

Pontevedra
21 de decembro 2022

Esta guía recolle unha breve biografía de once mulleres que dan nome a rúas e prazas. Este elemento vai distribuirse nos edificios do Concello e tamén en centros de ensino secundario. Tamén estarán dispoñibles nas oficinas de turismo como unha ferramenta informativa para as persoas que visitan Pontevedra

O mapa pretende contribuír ao coñecemento da historia das mulleres de Pontevedra PontevedraViva

Xaquín Moreda, concelleiro de Memoria Histórica, presentaba este mércores un mapa do programa da Memoria das Mulleresno que se recolle a pegada presente na cidade de mulleres que dan nome a parques, murais ou figuran en esculturas ou en paneis informativos.

Esta guía ofrece unha parte gráfica co plano das rúas de Pontevedra no que se recollen as vías e prazas dedicadas a mulleres como é o caso de Pilar Bértola, Xosefina Arruti, Virxinia Pereira, María Vinyals ou Amalia Álvarez, entre outras. 

No anverso do folleto ofrécense vinte textos breves que ofrecen parte da historia de once mulleres e tamén información sobre murais, roteiros e acontecementos de represión como os acontecidos en Salcedo, Lérez e Mourente.

Moreda, que presentaba o mapa diante do mural dedicado á escritora María Vitoria Moreno na rúa Eduardo Pondal, expuxo que este mapa permite dar visibilidade física a esa presenza de mulleres no espazo público porque, segundo afirmaba o concelleiro, sempre estiveron "relegadas" como "forma máis evidente do carácter patriarcal da sociedade".

Este elemento informativo sobre lugares da cidade dedicados a mulleres xa se atopaba na páxina web da Memoria das Mullerespero con esta acción permítese á xente "palpar e telo nas mans". 

Será distribuído nos edificios do Concello e tamén en centros de ensino secundario do municipio. Tamén está previsto que estean dispoñibles nas oficinas de turismo como unha ferramenta informativa para as persoas que visitan a cidade.