Un itinerario peonil e ciclista pola PO-546, proposta do PSOE para "romper fronteiras" entre Pontevedra e Marín

Pontevedra
02 de xullo 2020

Poñer en valor os "barrios da raia". É o obxectivo do proxecto que o PSdeG-PSOE presentou este xoves para Mollavao, Pontemuíños, Os Praceres e Estribela e que permitirá, segundo sinalaron os socialistas, "romper as fronteiras artificiais" entre Marín e Pontevedra

Dirixentes do PSdeG-PSOE nos Praceres PSdeG-PSOE de Pontevedra

Poñer en valor os "barrios da raia". É o obxectivo do proxecto que o PSdeG-PSOE presentou este xoves para Mollavao, Pontemuíños, Os Praceres e Estribela e que permitirá, segundo sinalaron os socialistas, "romper as fronteiras artificiais" entre Marín e Pontevedra.

Catro dos candidatos do PSOE nas eleccións galegas do 12 de xullo, Paloma Castro, Rafael Cotelo, Manuel Loureiro e Manuel Pazos, visitaron estas zonas para anunciar a súa intención de axilizar a cesión da estrada vella entre ambas localidades, a PO-546.

Os socialistas propoñen impulsar un novo itinerario peonil e ciclista que axude a conectar e integrar ambos os dous municipios e unir barrios "fermosos e senlleiros".

Para os candidatos do PSdeG-PSOE, o goberno de Núñez Feijóo "leva anos hipotecando" o crecemento desta zona e "boicoteando co seu desprezo" que Pontevedra e Marín poidan estar unidas "dun xeito natural".

"Temos o compromiso de poñer en valor e integrar Mollavao no modelo de cidade de Pontevedra e por suposto tamén Estribela, que é unha zona mariñeira cunha esencia especial", destacou Paloma Castro durante a visita.

Ademais, os socialistas apostan por negociar coa Autoridade Portuaria para que a senda peonil que se habilitará pola beira do litoral da ría poida conectar, nunha segunda fase, coa Avenida de Ourense, xa en Marín, cedendo terreos na zona do Cabo, nos Praceres.

Isto permitiría que os usuarios poida transitar con seguridade "sen ter que cruzar dúas ou tres rotondas", explicaron os candidatos do PSdeG-PSOE, e exista unha continuidade do espazo peonil entre os dous municipios.

"Estamos convencidos de que, aproveitando un cambio de goberno na Xunta de Galicia, a sensibilidade cara a esta necesidade vai ser moito maior que a actual", sinalaron os dirixentes socialistas, que lamentan que nos últimos anos o Porto de Marín traballara "de costas" aos intereses de Pontevedra e Marín.