Este xoves á noite chega unha fronte chuviosa a Galicia, o que deixará ceos parcialmente cubertos e chuvascos durante a mañá do venres, que irán remitindo a medida que avance o día. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro ascenso, pasando de 1 a 4 graos, mentres que as máximas permanecerán sen cambios e o vento soprará moderadamente de compoñente norte.
En canto ao sábado, as precipitacións darán un respiro ata a noite durante un dos días grandes do Entroido no que se poderá gozar do desfile, aínda que o ceo continuará anubrado malia a entrada dun anticiclón. As temperaturas mínimas baixarán, as máximas manteranse ao redor dos 12 graos e o vento moderado do oeste achegará humidade no ambiente.
O domingo, unha nova fronte chegará a Galicia e non nos abandonará ata o martes. Espéranse choivas a partir do mediodía que deixarán ceos cubertos durante todo o día. Coa aparición de precipitacións, os valores mínimos subirán notablemente ata os 10 graos, polo que non haberá xeadas. O vento soprará levemente de compoñente sur, cambiando a norte co paso da fronte ao longo da xornada.
En canto á predición a medio prazo de Meteogalicia, agárdase choiva nas xornadas de luns, mércores e xoves. As mínimas volverán descender ata os 7 graos e os valores máximos sufrirán un lixeiro incremento ata rozar os 14, polo que as temperaturas serán máis suaves. O vento do norte soprará durante toda a semana, coa consecuente achega de humidade.