Un informe de Tráfico remitido ao Concello hai un ano xa advertiu da necesidade de aplicar medidas en Leborei

Pontevedra
08 de xuño 2022

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra enviou en xullo de 2021 ao Concello de Pontevedra un informe da Garda Civil de Tráfico que propón a reordenación do fluxo circulatorio e unha actualización da sinalización restrinxindo o uso da vía en función do peso e as dimensións. O Concello anunciou estas medidas esta fin de semana

Camión atascado en Leborei Asociación veciñal O Chedeiro

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra enviou hai case un ano ao Concello de Pontevedra un informe da Garda Civil de Tráfico que advertía dos problemas de seguridade detectados no lugar de Leborei, en Cerponzóns e propoñía varias medidas para solucionalos, entre elas, unha reorganización do tráfico na zona e actualización da sinalización. 

O informe, ao que tivo acceso este xornal, está datado en xuño e foi remitido en xullo de 2021, pero desde o Concello de Pontevedra non se realizou ningunha actuación na zona, na que os veciños se queixan de forma reiterada de problemas de falta de seguridade viaria e de incidentes frecuentes nos que camións quedan atascados pola estreiteza do camiño e causan danos nunha vivenda particular. 

Esas medidas si se anunciaron esta pasada fin de semana. Tres concelleiros do equipo de goberno de Pontevedra desprazáronse ata Leborei e, tras manter unha reunión con varios veciños, anunciaron que "o máis axiña posible" posible adoptaranse medidas para regular o tráfico na zona. 

O Concello anunciou medidas como instalar sinais restrinxindo o tráfico só a residentes e servizos e todas elas aparecían xa reflectidas no informe de Tráfico que lle remitiron hai un ano. 

A orixe deste informe son as queixas reiteradas dos veciños da zona, en especial dunha cidadá que, pola súa insistencia, foi informada da existencia do citado documento e a súa remisión ao Concello. 

Tras recibir estas queixas, a Subdelegación solicitou un informe á Garda Civil de Tráfico e, unha vez recibido, e analizado tamén pola Dirección Xeral de Tráfico, foi remitido ao Concello ao tratarse dunha estrada de titularidade municipal. 

Ese informe, e as medidas propostas por Tráfico e polo Concello, analizaranse este mércores nunha reunión convocada para analizar a mobilidade en Leborei na sede da DXT en Pontevedra. O encontro, segundo soubo este xornal, leva varios días convocado, desde antes da fin de semana.

A agrupación de Tráfico elaborou un exhaustivo informe de "corrección de deficiencia viaria" que pretende "corrixir os problemas detectados" achegando as posibles solucións. Os problemas detectados, segundo recolle o documento, "poñen en risco a seguridade viaria en xeral e, en particular, no relativo a colectivos vulnerables como peóns e ciclistas". 

Cita Tráfico que por esta vía concéntrase a circulación dun alto número de peóns e ciclistas que realizan o Camiño de Santiago e que, unidos aos demais usuarios da vía e veciños da zona, deben compartir un mesmo espazo e prodúcese unha "diminución da seguridade viaria". 

Outro dos aspectos que destaca é que se trata dun tramo rural sen beiravías nin beirarrúas no que os veciños e os nenos ocupan a calzada para os seus desprazamentos e para xogos ou reunións sociais e que se detectou que en horas propias das substitucións laborais prodúcese un alto fluxo circulatorio entre as estradas N-550 e PO-531 en Alba. 

Tamén detecta outro problema relacionado co uso de navegadores GPS, que envían aos usuarios a esta vía a pesar de que non é apta para vehículos de grandes dimensións e é incapaz de asumir maior fluxo circulatorio que o dos propios veciños do lugar. Isto provoca que a circulación chegue a cortarse en numerosas ocasións ao cruzarse dous vehículos ou polo paso de camións. 

Tras enumerar todas estas deficiencias, Tráfico propón a reordenación do fluxo circulatorio cun itinerario alternativo e unha actualización da sinalización restrinxindo o uso da vía en función do peso e as dimensións. Propón impedir o paso a vehículos de máis de 3,5 toneladas de peso e 2 metros de ancho. 

Outra proposta é que se sinalice o paso frecuente de peóns, que se limite a velocidade a 20 quilómetros por hora e que se sinalice que se limita a circulación a servizos e residentes.