Un incendio forestal achégase perigosamente ata varias vivendas da parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio. Segundo as primeiras informacións da Policía Local de Pontevedra, ás 18.00 horas estaba a tan só 200 metros das primeiras casas do lugar de Vilar. Fontes dos Bombeiros de Pontevedra confirmaron que ás 20.30 horas se controlaran as lapas que se achegaban á maioría das casas, pero xusto acababa de empezar un novo foco de lume.
Tras recibir varias chamadas veciñais e falar coa Consellería de Medio Rural, o Concello de Pontevedra mobilizou a efectivos da Policía Local e os Bombeiros de Pontevedra para realizar tarefas de prevención e, chegado o momento, control das chamas. Á súa chegada comprobaron que o incendio estaba próximo ás casas, de modo que se activou o mesmo operativo que na tarde do luns na parroquia de Bora, ameazada polo incendio de Tenorio, en Cotobade.
A media tarde tamén se mobilizaron efectivos terrestres e aéreos da Consellería de Medio Rural, pero a última hora da tarde todos se retiraron e quedaron en alerta a Policía Local e os Bombeiros de Pontevedra. Estes últimas tiveron constancia de que en toda a zona de Ponte Sampaio e Arcade, en Soutomaior, había moita actividade de pequenos lumes na tarde deste martes.
A situación mantén en alerta aos veciños de Vilar, un lugar moi afectado polos incendios forestais de 2006 que este martes están a revivir imaxes xa coñecidas. O lume achégase cara ao núcleo de casas da Carballeira desde o lugar de Rañadoiro e levou aos veciños a adoptar medidas de prevención e control como regar todas as proximidades das súas casas.
O lume iniciouse nunha zona de Ponte Sampaio próxima ao Concello de Soutomaior, un municipio no que a Consellería do Medio Rural decretou esta tarde a Situación 2 por outro incendio pola proximidade do lume ao núcleo habitado de San Martiño de Ventosela, no Concello de Redondela. A superficie afectada superaba ás 19.30 horas as 20 hectáreas e no seu control traballaban un técnico, tres axentes, sete brigadas, 9 motobombas, unha pa, sete helicópteros, un avión e efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).