Un incendio orixinado nunha embarcación de recreo en Beluso sorprende a unha decena de persoas

Bueu
20 de agosto 2024

Segundo indica o servizo de Emerxencias do 112 Galicia, o suceso producíase na tarde deste martes 20 fronte á praia de Tulla, na parroquia de Beluso en Bueu. Na embarcación viaxaba unha decena de persoas, entre eles un grupo de menores para os que solicitaron asistencia sanitaria de maneira preventiva

Praia de Tulla, en Beluso, Bueu Xunta de Galicia

Pasadas as 18.00 horas deste martes 20 de agosto, o Servizo de Gardacostas de Galicia alertaba ao 112 dun incendio que se rexistrara nunha embarcación de recreo na praia de Tulla, na parroquia de Beluso, en Bueu.

Na embarcación viaxaba unha decena de persoas, entre as que se atopaban varios menores.

Solicitouse asistencia sanitaria de xeito preventivo para atender a estes nenos.

Os propios ocupantes do barco afectado lograron apagar o incendio rapidamente.

Foron recollidos por outras persoas particulares que navegaban pola zona e trasladados ata o porto deportivo.

No 112 estudouse a opción de mobilizar o helicóptero de rescate Pesca I, pero finalmente non foi necesario ao non rexistrarse unha incidencia de maior gravidade.

Ata o lugar desprazáronse a embarcación Irmáns García Nodal e unha patrulleira da Garda Civil, ademais de Salvamento Marítimo, que tamén colaborou no operativo de emerxencia.