Un incendio iniciado nunha neveira calcina unha furgoneta 'camperizada' e afecta tamén a unha casa

Poio
01 de marzo 2024

Ocorreu sobre as 12.30 horas na  zona de Arén, na parroquia de Samieira e, segundo as primeiras investigacións. A Policía Local confirma que non houbo que lamentar danos persoais, pero si materiais. A furgoneta quedou calcinada e causáronse danos nunha vivenda próxima, na que vive o seu propietario

Vehículo incendiado Policía Local de Poio

Un incendio calcinou na mañá deste venres unha furgoneta 'camperizada' na zona de Arén, na parroquia de Samieira, en Poio. 

Segundo a información facilitada pola Policía Local de Poio, ocorreu sobre as 12.30 horas e, segundo as primeiras investigacións, a orixe do incendio foi unha pequena neveira que estaba no interior da furgoneta.

Ata o lugar desprazáronse a Policía Local de Poio e efectivos do Grupo de Emerxencias de Sanxenxo e, entre todos, procederon á extinción das chamas.

Máis tarde tamén se desprazaron os Bombeiros de Ribadumia e a Garda Civil, que investiga o ocorrido.

A Policía Local confirma que non houbo que lamentar danos persoais, pero si materiais. A furgoneta quedou calcinada e causáronse danos nunha vivenda próxima.

A furgoneta estaba á beira dunha casa, na que vive o seu propietario, de modo que o home sufriu danos na súa vivenda e o seu vehículo.