Despois de varios días de tregua na comarca de Pontevedra, os incendios volveron aparecer. Nesta ocasión, as lapas avanzan desde A Portela, Barro, cara a parroquia pontevedresa de Verducido no cruzamento do Pontillón do Castro. Segundo testemuñas presenciais, ás 23:45 o incendio atópase moi activo.
O lume pódese ver desde a estrada entre Pontevedra e Vilagarcía de Arousa situado no monte tras a ITV e a estación de servizo que se atopan en Barro.
O incendio forestal iniciábase ao redor das 22.00 horas e operativos de extinción de incendios actuaban durante a noite para tentar controlar as lapas evitando que puidese afectar a vivendas. Sinalan tres focos diferentes na orixe do incendio. Na zona traballan dúas pas e diversas motobombas, bombeiros de Pontevedra e Vilanova e efectivos de Protección Civil.
Protección Civil de Caldas de Reis pide aos condutores a través das redes sociais que se circule con precaución pola zona e deixen as vías libres para a intervención das brigadas anti-incendios do 085.