Un incendio desaloxa de madrugada o poboado do Vao

Poio
12 de agosto 2016

O lume, declarado ás 23:30 horas do xoves nunha zona de maleza e cascallos preto da estrada cara a Campañó, na parte alta do Vao, puxo en perigo o poboado. Ao lugar acudiron efectivos de extinción da Xunta, Emerxencias Sanxenxo e Bombeiros de Pontevedra

Incendio declarado de madrugada no Vao Diego Torrado

Non foi un incendio de grandes dimensións, pero si provocou momentos de tensión pola súa proximidade ao asentamento de chabolas.

Efectivos de extinción da Xunta, Emerxencias Sanxenxo e Bombeiros de Pontevedra tiveron que acudir de madrugada a un lume declarado na parte alta do Vao, pegado á estrada que transcorre ata Campañó.

O incendio iniciouse ao redor das 23:30 horas nunha zona de maleza e chea de cascallos, segundo explicaron os bombeiros.

A súa proximidade ao poboado fixo que nuns minutos todos os seus habitantes abandonasen o lugar.

Pasado o momento de maior perigo, cara á 1:00 da madrugada os Bombeiros de Pontevedra regresaron á súa base, pero permaneceron no lugar durante varias horas máis unha brigada de Medio Rural e efectivos de Emerxencias Sanxenxo. 

Trátase do segundo incendio que afecta nos últimos días ao Vao, tras o declarado no Vao de Abaixo na madrugada do pasado mércores.